música

"Queremos que todo o mundo comece a bailar con nós dende o minuto un"

20170801222020631_result
photo_camera Os integrantes de "Coanhadeira", que actuarán no Festival Fax de Xinzo.

Os sete compoñentes do grupo de música tradicional e folk "Coanhadeira", serán os encargados de abrir, este sábado, o Festival de Música Alternativa de Xinzo, o FAX

Os sete compoñentes do grupo de música tradicional e folk "Coanhadeira", serán os encargados de abrir, este sábado, o Festival de Música Alternativa de Xinzo, o FAX. A formación ourensá, nacida no ano 2006 como un cuarteto de gaiteiros, chegará á Limia co obxectivo de que aos asistentes "se lles vaian os pés", algo que según explica Óscar Freire , o saxofonista de Coanhadeira, "é algo que adoitamos conseguir case sempre" porque a este tipo de festivais "a xente vai con moitas ganas de festa e de pasalo ben".

Con qué se vai a atopar a xente no seu concerto?
Imos a amosar os tres traballos que temos publicados: Haique, Po e Bicos con Luvas, centrándonos, sobre todo, neste último. Como sorpresa tamén adiantaremos algo do novo disco no que estamos xa comezando a traballar. Agardamos poder gravalo a finais deste ano e principios do seguinte. 

Teñen a tarefa de animar ao público dende o comezo do festival. 
Si, somos os que abrimos. Tócanos a parte máis tradicional, o inicio. Queremos que toda a xente comece a bailar dende o minuto un. Os nosos ritmos, ademais, son moi recoñecibles: muiñeiras, pasodobres e xotas. 

Cómo definirían o seu estilo musical e en qué se inspiran á hora de compoñer os temas?
Facemos música folk, unha visión particular da música tradicional. Todos os compoñentes de Coanhadeira levamos mais de 20 anos adicados á música galega e é o que sentimos e o que expresamos. Todos os ritmos e as letras están compostos por nós, tendo en conta que, moitas veces, partimos de bases tradicionais. No derradeiro disco Uxía Pedreira fíxonos a letra dunha peza e tamén versionamos un poema de Rosalía de Castro, pero o resto é todo noso ou temas tradicionais galegos. 

A qué ano se remonta Coanhadeira?
Ao ano 2004, data da catástrofe do Prestige. Comezamos facendo concertos solidarios. Antes de xuntarnos como grupo, algúns formabamos parte doutros nos que tocabamos a gaita, de feito, ao principio eramos un cuarteto de gaitas e unha acordeón. Co tempo fomos cambiando e evolucionando e, a día de hoxe, practicamente non tocamos a gaita. Poderíase dicir que no 2006 comezou o "son Coanhadeira", cando veu Patri, a nosa cantareira. Nese momento conformámonos como grupo folk.

É a primeira vez que actúan en Xinzo?
Xa estivemos hai catro anos presentando o noso anterior disco, Po. Foi na praza Carlos Casares. 

Teñen ganas de regresar á Limia?
Si, moitas. Eu ademais son mestre na Escola de Música de Trasmiras así que supoño que moitos dos meus alumnos virán a verme. 

Hai moitas esperanzas postas no FAX. 
É un festival que abrangue todos os estilos, polo que penso que hai oco para todo o público. Agardamos que sexa todo un éxito, polo noso ben e polo da asociación Limisi.

Te puede interesar