As danzas dos grupos participantes nas Xornadas do Folclore poden aportarlle ó público unha idea de como se establecen as relacións entre homes e mulleres nos seus países de procedencia

As relacións segundo o baile

Os conxuntos procedentes de Sudamérica, coma o de Bolivia (na foto) adoitan presentar unha maior interactuación entre homes e mulleres. (Foto: MARCOS ATRIO)
As diferentes culturas teñen ido condicionando o xeito de vivir dos pobos ata o punto de que marcan o carácter das persoas en xeral, aínda que de todo hai en todas partes, e, como non, o seu folclore.
Sen ter que caer nos tópicos que indican que en España todo é flamenco ou en Arxentina, todo tango, e salvando as excepcións de países moi extensos, como é o caso de Rusia, o certo é que as diferentes rexións que cada ano participan nas Xornadas do Folclore acaban por amosar características semellantes. Os parecidos poden verse ben nas aparentes estructuras das danzas, ben nos movementos dos bailaríns. Así, por exemplo, en bailes coma os galegos ou os portugueses é habitual que as pezas sigan a estructura de rodas e filas, cunha clara interactuación entre homes e mulleres.

Nos conxuntos chegados de Sudamérica a relación entre parellas é aínda máis forte e a sensualidade e o xogo contan con certo protagonismo. Pola contra, as relacións entre homes e mulleres toman outro cariz nos grupos folclóricos africanos, por exemplo. Centrados, en boa medida, nos labores agrícolas ou en rituais de caza, termos como a sensualidade pasan a un segundo plano, aínda que uns e outras non locen movementos moi diferentes.

Non é este o caso dos grupos procedentes da antiga Unión Soviética. Nestes, os homes adoitan amosar virilidade, con vestimentas que recordan ás militares e movementos secos e case atléticos. A elas quédalles reservada a delicadeza e a elegancia, aínda que moitas das súas piruetas non poidan ser imitadas por calquera. Con todo, ó escoitar o termo delicadeza, quizais quen primeiro se veña á mente sexan as féminas asiáticas, sobre todo as procedentes de China. Son todos eles elementos que, ademais de dar unha idea de como se establecen as relacións nos países, tamén marcan o seu folclore.

Te puede interesar