O Entroido, según o artista de Viana Piquico

O vianés Piquico xunto a obras da colección.
photo_camera O vianés Piquico xunto a obras da colección.
O artista vianés Piquico inaugura o vindeiro 26 de xaneiro, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, unha exposición de escultura funcional, de medio e gran formato, inspirada nos diferentes Entroidos da comunidade galega

Ángel Manuel Rodríguez Romero é coñecido en Viana do Bolo, a súa vila natal, como Piquico. Dende ben pequeno tiña o que moitos denominaban como “un don”. Hoxe en día Piquico é un artista. Licenciado en Belas Artes pola universidade Complutense de Madrid na especialidade de deseño, traballos en pintura, debuxo, fotografía, decoración e escultura, adícase á docencia e a elaborar diferentes pezas artísticas que non deixan a ninguén indiferente. 

O vindeiro 26 de xaneiro, as 20,00 horas, inaugurará unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense inspirada nos Entroidos de Galicia. “Trátase dunha colección de entre 24 e 26 pezas de escultura funcional, de medio e gran formato, elaboradas en madeira. Algunhas delas tamén inclúen pedra como granito ou lousa.” Nelas o autor recolle as principais figuras do Entroido galego, destacando as da provincia de Ourense. 

A exposición “Entroido, ‘Mobiliario Vestido’ Escultura” pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Representar unha conxugación entre o atávico da festa e a modernidade, xogando cos personaxes do Entroido, o seu animalario, como a Mula ou o oso e os elementos típicos e simbólicos de esta festa. O Boteiro e a mula de Viana, o Boteiro de Vilariño, a Pita de Eiroás ou a Pantalla de Xinzo de Limia adquiren unha nova dimensión e significado transformándose en cadeiras, espellos, lámpadas ou armarios.  

“As obras son basicamente figurativo-xeométricas, nas que interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Pezas orgánicas, xogando a vez co contraste da pura xeometría do mobiliario, o cubismo e a idea do corte, do ensamble, do bloque ou do desbaste. Móstrase dende o máis duro ao máis brando ou o máis áspero, xogando co cor ou a textura provocados polas ferramentas e a forma”, sinala o autor. 

Unha parte delas céntranse nun só personaxe do Entroido, mentres que outras recollen unha gran variedade de máscaras que lle outorgan unha gran riqueza visual. O Peliqueiro de Laza, a Mázcara de Manzaneda ou o Felo de Maceda comparten espazo nunha das figuras. Isto repítese como multitude de Entroidos, fusionados en resultantes esculturas.

“Levo moitos anos utilizando o Entroido como inspiración”, afirma Piquico. “Ó ser de Viana do Bolo, gústame este período do ano e todo o que significa”, engade. Este artista vianés foi o encargado de elaborar o cartel da Festa da Androlla, a celebración gastronómica más destacada da vila vianesa, en varias ocasións e o seu vínculo e adicación a esta tradición estivo sempre presente. 

Te puede interesar