Laboratorio mutante, unha aposta polo medio

Outonomía propón a reutilización de pezas en desuso.
photo_camera Outonomía propón a reutilización de pezas en desuso.
A cooperativa Outonomía traballa iniciativas contra o cambio climático

A cooperativa Outonía S. Coop, en colaboración coa ilustradora Eva Piay, poñen en marcha o proxecto “O laboratorio Mutante para a ecoloxía dos saberes” que ten por obxectivo levar a cabo actividades para a promoción da sustentabilidade ambiental e a defensa dos territorios rurais en Viana, A Veiga ou Manzaneda. 

Trátase dunha iniciativa que tivo como punto de partida as “Mutant´s: Xornadas de Innovación Rural”, celebradas en outubro de 2019 e estará financiado pola ONG Axuda en Acción, a través do proxecto europeo #1planet4all.  

Dirixido a persoas mozas de entre 18 e 35 anos, ten como eixo transversal a loita contra o cambio climático. “É un xeito de imaxinar, visibilizar e crear outros xeitos de ser e estar na terra, dende o coidado e o respecto por esta. É un fío a través do cal tecer redes para compartir e tamén, un medio de ensinanza-aprendizaxe, que promove modelos de vida máis sustentables dende a experiencia”, afirman desde Outonomía.  

Cunha duración de seis meses - dende marzo a agosto deste ano- estrutúrase a través de tres tipos de accións diferenciadas - webinarios, encontros presenciais e campaña #sermutante en redes sociais- que combinan os medios analóxicos e virtuais. Os webinarios serán un total de tres encontros, retransmitidos en vivo na plataforma Zoom e subidos posteriormente á canle de Youtube do proxecto. Versarán sobre temáticas vinculadas á educación ecosocial, á produción e consumo sostibles e ás alternativas xeradas dende a cooperación para transitar a emerxencia climática. Tanto as participantes como asistentes, poderán compartir puntos de vista e pareceres diversos sobre as temáticas propostas. Ademais, están previstos dous encontros presenciais en territorios de montaña, co eixo vertebrador da reinterpretación do abandono: “Deconstruír o hábitat” en Manzaneda e “O Monte con Nome” no concello de Folgoso do Courel. “Serán dúas xornadas vivenciais nas que se tratará de transitar o espazo a través dun ollar que permita mudar a cosmovisión do abandono no rural”, declaran. Paralelamente, dará comezo unha campaña a través da cal se irán intercalando diferentes accións que teñen como obxectivo tratar de combater mitos relacionados coa crise climática, presentar información veraz en torno a temáticas ambientais ou presentar diversas experiencias de traballo. Algunhas destas creacións serán realizadas polo alumnado da Universidade de Santiago de Compostela, mediante unha experiencia de Aprendizaxe servizo -Aps- neste eido.

Te puede interesar