Amalia Gómez, el “alma mater” del Novaíño

Amalia Gómez, el “alma mater” del Novaíño
photo_camera Amalia Gómez, el “alma mater” del Novaíño
Entrevista a Amalia Gómez Manso, de 96 años, premio Pedra Alta por ser a fundadora do Restaurante Novaíño, Piñeira de Arcos, N-525, Sandiás

Amalia Gómez Manso ten 96 años, e dio con moito orgullo. O orgullo dunha persoa que loitou toda a súa vida para saír adiante e asegurarlle o futuro a súa familia. Empezou nunha pequena tenda de ultramarinos na que os veciños podían atopar un pouco de todo, e un moito da alegría de Amalia, un bo humor do que aínda fai gala e ao que considera un dos grandes secretos de triunfar con Novaíño e gañar grandes amizades. Despois chegou unha pequena casa de comidas e, anos máis tarde, o actual restaurante que agorar exenta o seu neto, a terceira xeración tras o paso polas mans do seu fillo. Aínda a día de hoxe se deica ver polo establecemento e non queda unha mesa á que non pregunte si comeron ben ou, simplemente, se deteña a falar con eles, facer unha broma ou levarlles un recordo e unha anécdota da súa vida. Acaba de recibir o premio Pedra Alta que concede o patronato do Museo da Limia.

A ninguén nos sorprende que nos digan que “antes eran outros tempos”, pero aqueles que os viviron poden atestigualo traendo a súa memoria momentos que, comparados cos actuais, parecía faltar de todo e eran moi duros. Tempos de longas camiñatas para facer a compra, a veces escasa, de racionar os alimentos e de pouco tempo para xogar a ser menos para poder axudar na casa. Amalia Gómez Manso foi unha desas rapazas que comezou moi nova a traballar, axudando a coidar dos seus irmáns e, coa morte do seu pai con tan só 45 anos, a sacar adiante á familia traballando nunha tenda de ultramarinos dende os 16 anos. “Alí tiñamos de todo, viña xente de toda a comarca facer a súa compra. Eu creo que viñan porque sempre estaba alegre, sempre tiña unha broma e boas palabras. E a xente gústalle ter bo trato. Eso é algo que non cambiou co paso dos anos e que convertín nun dos lemas da miña vida”. Pero algo máis tería que ter para ser dende sempre un referente… “vouche contar unha cousa, filla. A nosa tenda viña moita xente mercar e eu sempre tiña un detalle. Daquelas non había licor café, pero eu púñalles unha copiña de Sansón e unhas galletas. E os que viñan xa non levaban solo o que tiñan pensado, senón que marchaban con máis cousas (risas)”.

Co tempo, aos 21 anos, abriu unha casa de comidas nun baixo ao carón da tenda co que foi seu marido, Celso Gómez Doval. Corrían os anos 70, daquela non había moitos sitios onde comer na comarca da Limia, e ese foi o xermolo do que é hoxe en día o Novaíño. “Alí paraba moita xente da zona ou xente que estaba de paso para traballar en obras que se facían na comarca. Eu sempre fun moi espabilada e pilla para que a xente quedase contenta e regresase. Eso si, nunca con maldade. Eu contáballe un chiste, botabamos unhas risas, e sempre tiña boa cara e estaba de bo humor”. Tras erguer fai algo máis de 40 anos o edificio do que hoxe en día coñecemos como o Novaíño, “pouco a pouco, según íamos tendo cartiños”, e coa axuda do seu marido, “home moi moi bo, traballador, e moi boa persoa, que xa fai 16 anos que finou”, seguiron coa filosofía de servir pratos de cocina tradicional entre os que o caldo era o máis demandado (aínda hoxe en día o é), sopa, cocido… “criabámos porquiños na casa e puñamos carne e chourizos da casa. Costeletas, bistecs… e o bacalau que daquela había moito e era moito máis económico do que é hoxe en día. As patacas eran das nosas, das que sementabamos e recollíamos nós mesmos”. “E o viño, collíamos o coche e íamos a Verín por el”.

Constancia e traballo

Anos de moito traballo para sacar un negocio adiante. “Traballaba noite e día, pero eu sempre estaba alegre”. E a eso sumábaselle a boa materia e o saber facer na cocina, aínda que confesa “fun aprendendo, eu…fun aprendendo (risas). E o meu marido tamén. Vouche contar, en confianza, que cando comecei case non sabía facer unha tortilla. Unha vez veu unha muller e pediume unha para levar. Díxenlle que naquel momento non daba feito con tanta clientela na tenda, que podía pasar á cociña, coller os ovos e facela ela mesma. E mentres a cociñaba, alí estaba eu guichando para aprender a facela. Nunca máis me tiveron que ensinar como se facía (risas)”.

Co paso do tempo, foi seu fillo Antonio Gómez Gómez, e a súa muller, Josefa Novas Otero, os responsables de dar continuidade ao restaurante, pero sempre coa atención de Amalia. E dende fai unhos 15 anos, son os fillos da parexa, Toño e Ana, os encargados de seguir a fronte do negocio. “Fillo e netos criaronse correndo entre as potas e sarténs, coa nosa clientela habitual que os viu medrar, e sacando os primeiros cuartiños cando eran unhos mozos. E gustáballes, así que eu estou encantada con que sigan adiante con este negocio familiar. Xa son a terceira xeración e estou moi orgullosa”.

Orgullosa tamén ten que estar de que o Novaíño sexa un referente para aqueles que queren gozar dunha boa comida. Xente que non dubida en achegarse ao rural, a Sandiás, para gozar “coa boa materia prima, unha cociña de calidade e ben feita, e precios asequibles”. E cun engadido que non se soe atopar: a atención de Amalia que aínda se deixa ver polo restaurante, “e vai mesa por mesa, pregúntandolle a todos e cada un dos clientes que hai se lles gustou a comida”, comenta seu neto Toño. E iso, todos concordamos, que non hai quen o pague.

A día de hoxe

Na actualidade, capitaneados por Toño e Ana e a súa nai Josefa –a que lle gusta máis estar controlando a cociña-, contan cunha plantilla de 9 ou 10 persoas no equipo que aumenta nos banquetes que se celebran alí, dende bodas, comunións e bautizos, a encontros de empresa. Pola semana, teñen un menú de 12 euros, os sábados de 15 euros e, os domingos, de 20 euros, nos que inclúen pratos “máis elaborados e con materia prima máis de festa, como se soe decir”. E algo que non falla son as sobremesas. “Igual non está ben que eu o diga, pero gustan a todos os que o proban. A miña nai e irmá teñen man de santo con eles. Desde a tarta de queixo a da avóa. Sen esquecernos das filloas, que seguen a receta de Amalia”, comenta Toño. “Agora non mas deixan facer, pero aínda así, de cando en cando, furo para a cociña e fagoas”, di con brincadeira Amalia.

Pasaron os anos, hai novidades nesa carta, pero o caldo, o cocido ou unha boa sopa de peixe, non falla. Os mariscos son un referente pola calidade e frescura. As carnes, de primeira. “A boa materia prima xa fai que te diferencies solo por iso. E se logo lle sumamos unha boa cociña…”

Pedra alta

Fai unhas semanas Amalia recibiu o Premio Pedra Alta que concede o Patronato do Museo da Limia. Un galardón que se lle concede a persoas ou entidades cuxa labor ou obra é capaz de marcar unha pegada merecedora de consideración nas Terras da Limia ou fora delas, se a súa orixe é nese territorio. Co recoñecemento a Amalia ríndese tamén homenaxe de xeito simbólico a todas as mulleres que contribuiron ao desenrolo da comarca. Un premio que “cando mo dixeron eu non o quería. Que xa che teño moitos anos. Teño 96 e medio. Sei que todos os veciños me queren ben, bueno, algún haberá que non tanto… Sempre digo que moi boa non sería, pero mala tampouco, e sempre que puiden axudei a todo aquel que mo pedía.

Ese é o valor da xente. O traballo. A loita por saír adiante. A constancia. Axudar a aqueles que están ao seu carón. Tender unha man sempre que se poida. Gozar do que se fai na vida. E sempre cun sorriso. Esa persoa é Amalia Gómez Manso. Parabéns polo premio!

Te puede interesar