Gracias por...

En defensa da sanidade pública

Esta é a miña experiencia no CHOU (Complexo Hospitalario de Ourense). Creo que non vai desencamiñado o dito clásico de que o ser humano é capaz do mellor e do peor. É capaz de provocar guerras atroces e tamén de salvar vidas a costa da súa saúde física e mental. Quero centrarme neste último colectivo ignorando por completo o primeiro, que non se merece nin un minuto do noso tempo. A Historia os xulgará como tamén o fará co colectivo no que me quero centrar, o do persoal sanitario. Non considero hiperbólico falar dos heroes da Sanidade Pública e tamén quero aludir á miña experiencia persoal coma paciente na sala de Reanimación do Hospital de Ourense, na que ingresei gravemente hai xa máis de dúas semanas.

Non teño palabras suficientes para agradecer o traballo feito por estes profesionais da Sanidade, si, con maiúsculas. Un infinito recoñecemento á súa dedicación á súa empatía e ao seu cariño. Tamén ao seu sorriso, dificilmente esbozable tendo en conta as duras condicións laborais que soportan e a falta de recoñecemento por parte da Consellería de Sanidade.

Non vou aplaudir o voso traballo, a vosa dedicación, a vosa profesionalidade, a vosa empatía e o voso cariño. Aínda teño as mans doloridas de cando saía todos os días ás oito da tarde ao balcón da miña casa durante todos aqueles longos días do confinamento, mentres vós arriscabades as vosas vidas e traballabades ata a extenuación para salvar miles de vidas, perdendo vós a moitos dos vosos, protexidos con patéticas bolsas de lixo. Repito, non vou aplaudirvos, só pedir que teñades o recoñecemento que merecedes por parte da Administración, pedir un trato humano para vós que sustentades o pilar máis importante do Estado do Benestar. Sufristes e sufrides os recortes máis inxustificados por parte dos políticos mercaderes que non consideran a Sanidade coma un servizo público fundamental, senón coma un negocio en que os pacientes convértense en clientes, obviando a universalidade da Sanidade e privatizando cada vez máis servizos públicos, en perxuízo dos máis vulnerables socialmente.

Dende o box número 1 de Reanimación da Residencia de Ourense, co corazón enfermo nos meus 87 anos, todo o meu cariño e agradecemento para todo o persoal sanitario que me coidou e mimou.

Grazas infinitas.

Te puede interesar