A ourensana Rocío Pavón, campioa nacional de futbolín

Rocío Pavón, campeona nacional de futbolín
photo_camera Rocío Pavón, campeona nacional de futbolín
Rocío Pavón é unha campioa nacida a partir dunha afición

Quen non xogou algunha vez unha “pachanga” ao futbolín? Quen non “arrastrou” ou fixo un “remache”? E algunha vez a alguén lle tocou pasar por debaixo da “mesa”? Seguro que pensar no futbolín a máis de un lle trae á mente mil e un recordos de tardes de partidas e pipas nun bar. Enfrontamentos, máis ou menos pacíficos, nos que había que por “mesa” e agardar con toda a paciencia do mundo a que tocase o turno. Pero máis alá dunha maneira de ocupar o tempo de lecer, hai un futbolín máis profesional, con categorías e campionatos. E a ourensana Rocío Pavón é a campioa nacional do certame celebrado en Punta Umbría. Ás súas costas un gran palmarés que nos vai desvelar nas seguintes liñas.

Rocío Pavón, campeona nacional de futbolín
Rocío Pavón, campeona nacional de futbolín

É vostede campioa nacional de futbolín, como se comeza para chegar a este fito?

Tiven a sorte de ter un futbolín na miña casa, así que formaba parte do mobiliario e tamén do tempo de lecer que tiña. Empecei a  competir en torneos dos que se organizan nos bares ou en festas, e así foi como fun aprendendo a xogar, as técnicas que había… e pouco a pouco funme mentendo neste mundiño. 

E xoga tanto en modalidade Tsunami como Presas Evo?

A forma de xogar é a mesma. Cambian detalles como o peso das barras, o chan do futbolín, os xogadores teñen diferente peso e tamaño. 

 Todo un mundiño que vai máis alá das “pachangas” entre amigos.

Si. Eu descubrino de casualidade. Ao ser algo que me gustaba vin que se convocaban campionatos a nivel nacional, dunha maneira máis profesional. Así que me decidín a probar a ver que tal saía. Xa que era algo que me gustaba e non se me daba mal de todo… E así foi, no primeiro que participei celebrouse en Lalín e entrei en premios na segunda categoría, polo que me animou moito a seguir participando e competindo.

A existencia deses campionatos non é algo do que a xente, en xeral, teña coñecemento.

Non, en Galicia non hai moito. Hai en Lalín , Lugo e Rábade, que foi onde eu o coñecín. En Andalucía, Murcia, Cataluña… hai moitísima máis afición.

Gañadora no campionato nacional de Zaragoza con Rocío de Jaén.
Gañadora no campionato nacional de Zaragoza con Rocío de Jaén.

E vostede conta cunha manchea de premios. Cóntenos.

En femenino gañei tres veces o campeonato de Punta Umbría, Huelva, que lle chaman mundial, aínda que non ven xente de fora; en Rábade, onde se disputa outro certame importante quedei subcampioa dous anos, e en Zaragoza gañei o campionato nacional que organizaron. Tamén gañei o feminino no campeonato de Maestros del norte que se celebra en Lugo, e o feminino do Máster de Sarria. E en categoría normal, cheguei a varias finais en segunda categoría, e entrei varias veces en premios de primeira categoría. E despois, bastantes campionatos de bar.

Non podía ser menos sendo o futbolín un invento galego.

Para ser exactos, a Federación Internacional fala de que as orixes do futbolín son centro europeos, mentres que a Federación Española fala dun futbolín paralelo que se creou aquí, diferente ao europeo, o que se chama de dúas pernas. 
As diferenzas son que o futbolín europeo e mundial ten xogadores coas pernas xuntas e o español as pernas separadas. E este futbolín coas pernas separadas si que o inventou un galego, Alexandre de Fisterra. Según contan, seica fora ferido durante un dos bombardeos de Madrid durante a Guerra Civil. Vendo a moitos menos feridos como el no hospital, que non podían xogar ao fútbol, pensou na idea inspirándose no tenis de mesa. Tras idealo, foi o seu amigo, Francisco Javier Altuna, carpinteiro vasco, o encargado de facelo realidade.

Como é a organización para as clasificiacións e categorías.

Hai varias categorías. Parecido ao fútbol. Primeira, segunda e terceira a nivel nacional. A maiores, faise a categoría femenina para que as mulleres se animen a xogar. Agora si que é certo que somos máis, pero non fai moito éramos ben poucas. É un xeito de darnos tamén máis visibilidade a nós.

Hai moitas mulleres xogando?

A nivel España, si. Por exemplo, un campionato ao que asistín o pasado ano en Zaragoza éramos cerca de 50 parellas, 100 mulleres xogando ao futbolín. En Galicia non somos tantas.

Aínda falta percorrido para a igualdade tamén neste eido?

Hai moito camiño feito, pero aínda queda. Estamos conseguindo moito e cada vez conseguimos máis cousas. A nivel futbolín, por exemplo, haber creado categoría feminina anima e motiva ás mulleres a xogar.

Quen é o seu pé para as partidas?

Nos campionatos mixtos xogo con Yago, que tamén é a miña parella. E nos femeninos, teño varias parellas. Na zona de Galicia con Rocío, da zona de Lalín. E en torneos como Benidorm, Zaragoza ou Punta Umbría xogo tamén con outra Rocío de Jaén ou Ángela de Almería.

Como conseguen esa compenetración á hora de xogar sen practicar xuntas?

É complicado. Sería ideal poder xogar xuntas. Pero cada unha vai entrenando pola súa conta e imos comentando por videochamadas como atacar, cubrir… e todo o que podemos mellorar.

Que hai que ter para ser unha boa xogadora de futbolín?

Creo que é esencial ser moi competitiva e non dar nunca unha partida por perdida. Ti podes ir perdendo 9 – 2, sempre hai unha forma de remontar unha partida. Hai moitos factores que lle poden dar a volta a un resultado. Tamén é moi importante que haxa a rivalidade que haxa, ter sempre respeto cara o adversario.

Sen dúbida os recordos de xogar ao futbolín están moi presentes na mente de todos. E son recordos bonitos.

Eso foi algo que me motivou a seguir nesto. Comecei como todos, en bares e pondo “mesa”. Sempre querías gañar ante todo para poder seguir xogando. E o reconfortante que era gañar, sobre todo frente aos mozos. Era unha gran satisfacción. Ver que lles podíamos vencer. Non é cuestión de home ou muller. É cuestión de cabeza e saber xogar. 

Como animaría a alguén a profesionalizar máis a afición do futbolín.

O máis importante é que che ten que gustar. Se non o desfrutas, mal. Tirar para adiante, sen vergoña, xogar e que che importe máis ben pouco a que tes enfrente e creerte que podes superalos.

Cando veñen as seguintes competicións?

Pois este fin de semana estou por Lalín nun campionato nacional. E na ponte da Constitución toca viaxar a Benidorm a outro certame bastante destacado a nivel nacional. 

Te puede interesar