Cartas al director

Canto custa a vida dunha persoa?

Fai 25 anos (4 de setembro de 1989) o axente forestal Miguel Ángel Álvarez Seoane morreu asfixiado por inhalación de fume cando traballaba na extinción dun incendio na Serra do Xurés.

O amigo Miguel Ángel foi noticia e portada por un día de xornais e noticiarios. A súa morte fíxonos recapacitar. Propuxémonos que aínda que só fora como lembranza do seu paso por este mundo, non podiamos permitir que a falla de equipamentos mínimos para autoprotección dos integrantes dos Servizos Forestais e da cidadanía en xeral puideran producir outro accidente como o que nos quitou ao noso compañeiro. Mais os humáns temos unha memoria feble e a mala costume de deixar que o paso do tempo nos inocule unha amnesia vergoñenta que impide solucionar as eivas existentes.

Escritos, queixas, propostas, solicitude de equipamentos e materiais axeitados…Como sempre: silencio institucional, oídos xordos, mestura de deixadez e incompetencia dos gobernos. A prevención non é prioridade: nin para evitar accidentes, nin para a protección das persoas, nin dos ecosistemas naturais.

Unha hora de traballo dun hidroavión de extinción de incendios custa 6.000 euros; unha botella de osixeno, 12 euros; un ambú-reanimador, 55 euros; un botiquín completo con botella de osixeno, 250 euros… A día de hoxe nos Servizos Forestais da Xunta de Galicia non contamos con estes equipamentos mínimos e obrigatorios que salvan vidas, que xa fai un cuarto de século poderían ter salvado a vida de Miguel Ángel. Hoxe, no que todo todo se mide en termos económicos, canto custa a vida dunha persoa?

O que sucedeu pode voltar a suceder. Unha vez que facemos todo o que se pode facer para dar un servizo público e de calidade, aínda queda o que se podería facer se tiveramos os equipamentos necesarios.

Temos coñecemento dos feitos e hai solucións, só é preciso un mínimo de sensibilidade, de prioridades e de lembranza dos que xa non están.