Imprimir

A ciencia, en galego entra

La Región | 15 de Mayo de 2019

"O galego é a fórmula" é o lema da actividade do  Correlingua que berraron preto de 150 alumnos ourensáns na Praza Maior.  Defenden a ensinanza de materias técnicas en galego. Uns presumen de galegofalantes e outros prometen intentalo. 

Artai Vallejo cursa 3º da ESO no Seminario de Ourense. "Nico, axúdame coa pregunta!", replícalle ao compañeiro, Nicolás Álvarez. "Eu son galegofalante. Falo galego sempre", presume o primeiro rapaz durante o "Correlingua" celebrado na Praza Maior, iniciativa que promove a defensa do idioma entre a mocidade. Unha festa na que o alumnado ourensán fixo soar os bombos polas rúas, con pancartas e manifestos a favor do seu idioma. O lema desta edición, "O galego é a fórmula", reivindica a ensinanza das ciencias e das materias máis técnicas en galego. Arredor de 150 rapaces de 19 centros de ensino da provincia participaron nas actividades do Auditorio e da Praza Maior. 


“Gustaríame falalo máis"


"O ano que vén faremos a edición número vinte do Correlingua e todas son diferentes. A defensa das materias científicas en galego ven do desaxuste que hai na ensinanza, que incide en que a xente vexa como algo normal que as materias máis técnicas só se poidan dar en castelán. Parece que o galego é menos, que non vale para esas materias", queixase Xosé Manuel Alfonso, coordinador do Correlingua a nivel comarcal. "Hai que vivir, xogar, estudar en galego. E aí a mocidade ten moito que falar", reivindica. 

E a mocidade como Artai Vallejo parece un bo espello no que mirarse. "Eu na miña aldea falo galego sempre cos meus amigos. Pero é certo que no Seminario a maioría dos rapaces falan castelán", di este rapaz. Estuda Bioloxía e Cultura Clásica en galego e resúltalle máis doado. "Debería haber máis clases en galego, pero como a maioría de profesores falan castelán...", di. 

O seu compañeiro no Seminario, Nicolás Álvarez, tamén presume de galegofalante. "A materia de Historia dámola en castelán aínda que o libro sexa en galego, por exemplo. Penso que non sería máis difícil se tiveramos as Ciencias en galego", conta.

Alicia Suárez, do centro de ensinanza Concepción Arenal, cre en iniciativas como o Correlingua para promover a defensa do idioma. "Están moi ben e penso que fan falla", di esta rapaza, que "non falo todo o galego que quixera porque no meu ambiente non se fala, pero gustaríame falalo máis". Nunca é tarde. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/ourense/a-ciencia-en-galego-entra/20190515213157872060.html


© 2019 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons