O BNG critica o peche da feira de antigüidades

A suspensión do tradicional mercado de antigüidades de cada primeiro domingo de mes está "inxustificada", segundo o BNG, que denuncia "a falla dun criterio único e unificado", ao celebrarse outras feiras similares como as dos días 7, 17 e 26. Ademais, poñen en valor as medidas adoptadas polos restauradores, "os cales foron quen, desde o primeiro momento, de adoptar as medidas precisas e poñer todos os recursos necesarios para o cumprimento estrito das normas".

Os nacionalistas botan en falla "un criterio sen prexuizo de ningún colectivo ou feira, que permita que todas elas se poidan desenvolver con relativa normalidade". Neste senso, fan referencia á feira ordinaria dos días, a cal si se está a celebrar: "Isto deriva nunha discriminación que a día de hoxe non ten unha xustificación o suficientemente sostible".

Polo tanto, desde o  BNG  piden ao goberno municipal que autorice e garanta a continuidade do mercado de antigüidades coa adopción de todas as medidas de seguridade e hixiene que sexan precisas, ao tempo que instan á devolución do importe das taxas que os participantes na feira aboaron para a súa participación na mesma, en caso de non ser autorizada. 

En conclusión, denuncian "unha tremenda falla de empatía con sectores e comerciantes que precisan, máis que nunca, do apoio do Concello".
A feira de antigüidades de Ourense non figura dentro das exclusións expresamente recollidas no DOG número 115 do sábado 13 de xuño de 2020 referido ao establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise do covid. 

Te puede interesar