Concello

Novo cambio de alumeado no rural de Vilar de Santos

Ao remate da intervención, producirase un descenso da potencia contratada do 34 por cento

O Concello de Vilar de Santos acometerá unha nova fase do seu proxecto de renovación do alumeado público. Neste senso, serán os pobos de Parada e Outeiro, así coma os de Toxediño, A Venda, Bréixome de Abaixo, Bréixome de Arriba e Laioso os beneficiados. Para mellorar a eficiencia enerxética en todos estes puntos investiranse, nos primeiros, 48.000 euros e, nos segundos, 47.000. 

Co obxectivo de acometer os proxectos, o Concello elaborou un Estudo de Sustentabilidade Ambiental da iluminación pública municipal. Este instrumento foi realizado en novembro do 2016 para planificar, xestionar e facer un seguimento dos esforzos a realizar en materia de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público e nel tamén se concretou que rede de iluminación publica implica o maior porcentaxe do gasto enerxético municipal. 

Nesta intervención substituiranse 172 luminarias de vapor de sodio de alta presión e baixo consumo, por lámpadas con tecnoloxía de semicondutores LED que na súa fabricación non conteñen mercurio.

O Concello prevé un aforro enerxético anual de 35.451 kilovatios hora ao ano que supoñen unha redución do 66,29 por cento do consumo enerxético actual, mantendo uns niveis de iluminación apropiados conforme á normativa en vigor. Producirase un descenso da potencia contratada do 34 por cento. 

As seguintes actuacións serán Vieiro, O Mosqueiro e A Ponte. "Imos ter unha mellora substancial na calidade e eficiencia do alumeado municipal e a manter os consumos controlados, con aforros inmediatos, importantes e significativos", asegurou o rexedor, Xan Xosé Jardón.

Te puede interesar