Imprimir

O paraíso e a realidade

Antonio Piñeiro |

La Región | 04 de julio de 2019

Vexo dende fóra, coma quen mira por tras do vidro da xanela, as treboadas que sobrevoan á formación política "cidadá" de Ourense e véñenseme á idea coma pingas de auga petando na fiestra unha fervenza de reflexións arredor dos partidos políticos e de todo canto ó seu redor navega que penso que paga a pena trasladar á letra impresa, por máis que algunha sexa incluso politicamente incorrecta.

Vamos primeiramente polas denominadas formacións da denominada vella política. Estructuras nalgúns casos envellecidas coma o viño nas cubas de carballo autóctono e con ducias de milleiros de militantes e simpatizantes, poñamos por caso, nunha provincia pequena coma a nosa e a primeira pregunta que me xorde agora e que leva latente moitos anos na miña idea é a seguinte: O simple feito de que todos comunguen -aínda que con matices- cunha máis ou menos próxima ideoloxía, iso garante que tódolos militantes e simpatizantes dun municipio teñan empatía entre eles?

É dicir, por poñer un exemplo máis gráfico, será que tódolos habitantes da terra que son seguidores  do Real Madrid e do Barcelona, polo simple feito de estaren unidos por ese sentimento de pertenza, xa teñen que levarse ben sen a máis mínima fenda de pareceres?

Evidentemente, non. Un non que se agranda proporcionalmente ó propio número crecente de afiliados, por unha mera cuestión estatística.

Vaiamos agora con estas outras formacións que nantronte non existían e ás que, unha vez aparecen sobre o taboleiro das escena electoral con algunhas garantías de éxito demoscópico, de súpeto se lanzan coma en troupelía xentes de tódolos lugares, de tódalas idades e de tódolos pareceres que, sen teren o máis mínimo grao de coñecemento entre eles e probablemente nin a máis mínima afinidade persoal, pasan de súpeto a conviviren cando menos unha ducia de horas ó día dentro dunha burbulla coma a do "Show de Thruman" ou coma nun desordenado "Gran irmán" político onde todos -e todas- van descubrindo as pequenas e grandes miserias persoais (tamén, de cando en vez, as nobres intencións sociolóxicas) que levan a uns e a outros a daren o paso, cada día máis polémico e sen embargo, paradoxalmente, máis numeroso, de se meteren ata o pescozo na cada día máis lamacenta fochanca política.

Sinceramente, descoñezo as interioridades que teñen levado ós "cidadáns" de Ourense a teren sufrido tan impactantes terremotos en tan curto período de tempo. Pero non me estrañaría nadiña que todo tivese moito que ver con ese falso mito de que participar dunha nova idea –sexa a que sexa- convértenos a todos en xentes cándidas e santas camiño do paraíso, porque denantes de que o galo cante tres veces a realidade e as circunstancias colócannos de sotaque fronte a bos e malos, gañantes, trileiros e falsarios, cabróns, mangantes e malfeitores. E incluso, con máis frecuencia da desexada, diante dalgún que outro camaleonado f. de p.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/opinion/antonio-pineiro/o-paraiso-e-a-realidade/20190703230856880634.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons