Imprimir

Os bos e os malos

La Región | 13 de diciembre de 2019

Detalle de la portada del libro Retaguardia roja
Detalle de la portada del libro Retaguardia roja
Desde a perspectiva centrada nos cidadáns do montón, “Retaguardia roja” indaga nas lóxicas subxacentes á violencia que se despregou contra os adversarios políticos na zona republicana durante a guerra civil española

Xustamente porque a guerra civil (o de incivil, que din algúns, é un pleonasmo absurdo) fora gañada por uns, que se adicaron cos vencidos a levar adiante unha política de terra queimada, tanto que a xenreira segue oitenta anos despois de todo aquilo, adoita esquecerse que no bando perdedor, no transcurso da guerra, houbera moitas ruindades naquelas zonas onde os rebeldes non deran acadadado os “derradeiros obxectivos”. Nalgunha parte, como se sabe, ata –prácticamente- o 1 de abril de 1939.

Así na provincia de Ciudad Real, onde transcorre o interesantísimo libro de Fernando Rey que teño diante miña. Que me acompañou nos últimos tempos, entre o asombro (non porque non sospeitara que aquilo fora sementeira de paz e amor mais porque ao lelo polo miúdo o abraio/ arrepío pon moi alto o diapasón). E é bo que se saiba que isto tamén é “memoria histórica”; imprescindible para entender porque “los hunos y los otros”, que dicía Unamuno, entraron a machete nas vidas alleas, simplemente porque tiñan ideas erradas, para os sublevados, ou capital, terras ou mesteres relixiosos ou simplemente prácticas, para os leais á causa republicana. Por suposto que a ubicación xeográfica tivo moito que ver co acontecido. Os dereitistas que estaban en Galicia tiveron sorte. Os esquerdistas, a pena negra. En Ciudad Real, motivo deste estudo voluminoso e documentadísimo, as tornas foron ben outras.

O clero, regular o secular, do señor bispo para abaixo, foi reducido á metade (mesmo sancristáns foran ao pozo) batendo un “record” difícilmente superable. Propietarios de terras ou cachicáns deles lá foron diante dos pelotóns de fusilamento. E bótalle fío ao papaventos da traxedia. Contado con rigor por este Catedrático de Historia, da Complutense, que analiza polo miúdo actitudes, antecedentes e consecuentes. Con cadros, gráficas, mais ollando, igualmente por aquilo que Don Miguel de Unamuno (exemplar a película de Amenábar, “Mientras dure la guerra”, e o día aquel no Paraninfo da Universidade de Salamanca) chamaba a intrahistoria. Un libro este que deberá ser de leitura obrigada para quen desexe saber, desde unha provincia da España fonda, o que se cocía neste país grande e -ás veces- cainita.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/articulo/la-revista/os-bos-e-os-malos/20191213085553912608.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons