Imprimir

Sandiás, paso obrigado cara Castela

Juan Andrés Hervella | 08 de enero de 2020

Galicia é o país no que se mestura harmoniosamente a auga ca terra; no que as lendas maila súa historia adquiren notoriedade e  protagonismo o que permite cos seus moradores síntanse orgullosos da súa raza

2020010807543489500

As chairas terras de Sandiás ao igual cas veciñas de Xinzo estiveron habitadas dende a máis remota antigüidade pola tribo celta dos límicos, quizás unha poboación palafítica como o testemuña a presenza de diversos restos atopados na antiga lagoa de Antela. Abundan mámoas, castros e menhires asentados ao longo do seu territorio como a denominada Pedra Alta ou “anta”, monumento da época neolítica, de tres metros de altura, chantada no centro da lagoa, datado no terceiro milenio.

A importante presenza romana a testemuñan os restos dunha calzada que unía a Braga con Astorga, de igual modo do probable asentamento da mansión denominada Géminis; nembargantes será a coñecida e desecada Lagoa de Antela mailos restos da torre de vixiancia, na actualidade moi arruinada, os referentes principais desta singular terra cargada de abundantes lendas e historia. A coñecida como Guerra Irmandiña marcará de tristura esta importante bisbarra ourensana ca destrución, no ano 1471, de parte do símbolo identificador do concello, a torre de vixiancia. 

Durante a Idade Media a titularidade deste recinto militar así como a súa xurisdición pasou a mans da poderosa casa de Maceda para, xa no século XVII, integrarse na de Santana en gratitude pola axuda deste liñaxe ao rei Felipe II no recrutamento de homes para a loita na guerra hispano - lusa.

A bonita igrexa parroquial, construída polo mestre Bartolomeu de Nosendo, no ano 1520 baixo a advocación do diácono e protomártir do cristianismo, santo Estevo, patrón de canteiros e albaneis, componse dunha só nave mailo presbiterio, este cadrado e cuberto con bóveda de crecería. Accédese ao interior do templo polo que foi a portada principal formada por un arco de medio punto con clara influencia gótico portuguesa - manuelina-. No interior observanse as tendencias renacentistas nos capiteis das columnas adosadas. O interesante retablo maior barroco é obra do coñecido escultor do século XVII Francisco de Moure ca colaboración de artistas flamencos ademais das diversas pinturas hispano–flamencas, de marcada influencia manierista, atribuídas, con bastante probabilidade, ao pintor de Allariz Francisco Feijoo.

Todo un orgullo para un pobo que, con satisfacción, está a celebrar os cincocentos anos da ergueita da súa querida igrexa.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/articulo/a-limia/sandias-paso-obrigado-cara-castela/20200108075527917865.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons