Opinión

Carta aos Reis Magos

O tempo é un auténtico cabronazo. Para min, ven sendo como ese fato de bocapodres dos pseudo-programas que acaparan a grella televisiva. Trae e leva. É un desalmado que nos vai arrebatando vida e a cambio trae achaques. En fin, lei de vida que diría un filósofo de taberna. Digo isto porque teño a convicción de que hai cousas que deberan permanecer para sempre. Inalterables. Inamovibles. Momentos ou circunstancias que polo seu significado ou a súa beleza non debían diluírse co teimudo empuxe das incansables agullas sincrónicas.

Persoalmente, se puidera escoller algo para eternizar, sería que os nenos mantivesen por sempre a ilusión e a crenza nos Reis Magos. E dígoo eu, que son republicano convencido. O ideal sería que o resto do ano medraran e progresaran a tódolos niveis, pero chegadas estas datas, máis alá da idade, que volveran ser os cativos crédulos e emocionados ata a histeria que agardan pola noite máis especial de cada ano.

A miña filla de 9 anos redactou hai uns días a súa carta de rigor, cargada ata a derradeira ringleira de xoguetes e bos desexos. Sen embargo, o certo é que xa o fixo cun ton máis escéptico, dubidando de que tres paisanos, que veñen de tan lonxe con camelos e un séquito que nin Cristiano Ronaldo, poidan pasar sen facer ruído pola beira do seu cuarto, deixar todo estrado de agasallos, debullar no leite e as galletas e esvaecerse sen máis. E aínda lle costa máis crer que poidan repetir o proceso en millóns de fogares nunha soa noite. Por máis que lle digo que son magos, insiste en que teñen que acabar indixestados.

Para tentar convencela de que todo é real e de que a pesares de ir medrando, non se debe deixar de todo atrás a infancia, decidín predicar co exemplo e redactei a miña propia carta para o trío de Oriente que paso a compartir.

Prezados Reis Magos, tentei ser bo este ano. Déuseme mellor uns días que outros. En calquera caso, achégovos a miña lista de desexos para 2018:

Desexo que La Frontera sexa só un grupo de rock catalán.

Desexo que cando se fale de Banderas sexa só para referirse a un actor malagueño.

Desexo que Fame sexa só o título dun musical convertido nos 80 en serie televisiva.

Desexo que os lazos violetas se convertan en pezas de museo para lembrar o lonxe que queda o tempo no que mulleres eran asasinadas só polo feito de selo.

Desexo que só haxa refuxiados baixo os paraugas os días de choiva.

Desexo que o racismo se dilúa nun crisol de cores conforme á nosa idéntica diversidade.

Desexo que ninguén se vexa desafiuzado de seu fogar polos avarentos que fan negocio co teito das persoas.

Desexo que os que gañan cartos estragando o planeta, entendan dunha vez que a herdanza económica que van deixar aos seus fillos e netos non compensa o averno que lles van a legar para vivir.

Desexo volver a ver as nosas aldeas cheas de vida, de cor, de nós.

Desexo que Guerra sexa só o apelido dun ex vicepresidente do goberno ou, como moito, o título dunha canción de Led Zeppelin.

Desexo que o lume en Galicia só se vexa nas lareiras e nas fogueiras da noite do San Xoán.

Ah. E, por suposto, desexo que o ano que ven, Celia siga a crer nos Reis Magos e manteña a luz na mirada segundo se vai achegando a hora de durmir na noite da maxia.

Te puede interesar