Opinión

Prezado Emilio Cao

Andamos nestes días moita xente do Carballiño e de fóra do pobo, moi pendentes da túa historia, prezado Emilio

Como pasa en case tódolos lugares pequenos coma o noso, coñézote desde que eras ben cativo. De feito, lembro perfectamente cando hai uns anos, ti, teus pais e túa irmá viviades case enfronte da miña casa. Daquela bromeaba co moito que te me parecías ao fillo de Rivaldo, daquela protagonista dos anuncios do Cola Cao. Que eu saiba, nunca fuches un chaval problemático, máis alá de travesuras propias da túa idade, e non me consta que te meteras en leas de tipo algún. Iso si, teus pais Emilio e Yudelka, boa xente por certo, inculcáronche a virtude de pensar, de ter ideas propias e de loitar para tentar facer o mundo que nos rodea un pouquiño mellor. Esa virtude que a algúns xerarcas non lles gusta nada que adorne á xente nova. Para eles é moito mellor que permanezan sofronizados e enganchados aos móbiles e ás consolas. Sen saírse do rabaño. Así non dan a tabarra.

Ter un punto revolucionario tiña que ser case obrigatorio á túa idade. Por sorte en tódalas xeracións segue a haber quen racha co establecido para ir un pouco máis alá. Ti fuches deses que non mercaron ese discurso, ti e moitos outros, saídes a manifestarvos pedindo mellores condicións para os estudantes, mellores condicións de vida para os máis desfavorecidos, e unha ringleira de cousas máis das que non habería nin que falar porque deberían ser dadas por feitas.

Seguramente se o eu de hai 20 anos e ti se sentaran a falar, concordarían en moitas cousas e por iso agardo que cando chegues aos meus corenta non teñas que levar contigo o lastre dunha condena esaxerada aplicada por unha xustiza, con certos problemas de cegueira ocasional e selectiva. Se xogaras a balonmán ou asinases como o misterioso e indescifrable Mariano Rajoy terías moitas opcións de saír indemne do trance.
Parece difícil de asimilar o que a fiscalía explica sobre o acontecido aquel día de marzo do ano 2014. De ser un mozo que sae do seu pobo como moitas outras persoas, de toda España, a Madrid para participar nas manifestacións das chamadas Marchas pola Dignidade, reclamando dereitos tan básicos como pan, traballo e teito, supostamente garantidos para toda a cidadanía polo libro que nos demos entre todos; transmutaches ao cruzar o Padornelo nun perigoso delincuente, nun agresivo criminal disposto a enfrontarte coa policía en plena carga contra os manifestantes.

Fáiseme irreal ler que piden para ti 5 anos e 8 meses de cárcere en aplicación desa tan acaída para algúns e pouco democrática, nalgúns dos seus apartados, Lei Mordaza. Tan anacrónica que parece capturada dalgún dos Nodos onde o pequeno de Ferrol presumía das súas dotes de pescantín.

Non me toca a min ditar sentencia sobre isto pero ten toda a pinta de que estabas no lugar errado no momento errado. No medio da traxectoria da carga policial. Así o testemuñan as imaxes da túa detención no Youtube. Agardo de verdade, que a xustiza sexa tal e non se cebe contigo, que non esnaquicen o teu futuro, Emilio. E que sigas a loitar polo que cres. Como te vin facer dende sempre por aquí. Reivindicativo pero respectuoso. Alzando a voz pero sen mancar a ninguén.

Te puede interesar