100 anos de Cátedra de Otero Pedrayo

100 anos de Cátedra de Otero Pedrayo

O día 19 de febreiro, o martes pasado, cumpríronse cen anos de que Otero Pedrayo aprobara unhas duras oposicións para a Cátedra de Xeografía e Historia no ensino medio, pois eran 80 candidatos para unha única praza. E xa lle tardaba. Tiña trinta e un anos e rematara as licenciaturas de Humanidade e Dereito con vinte e catro, en 1912. Sete anos pasou logo, picando aquí e alá no mundo intelectual entre o seu amado Madrid e as terras de Ourense e Trasalba, e preparando, presentándose e suspendendo oposicións. 

Otero, despois do aprobado de 1919 e dun par de meses de destino administrativo en Burgos, consegue unha permuta para ir a Santander. Alí exercerá os cursos 1919-20 e 1920-21 antes de incorporarse ao instituto de Ourense que hoxe leva o seu nome, en outubro de 1921; como dicía “aos trinta e tres anos de Cristo”. Dos tempos de Santander trouxo un compromiso de por vida: a súa inseparable e fidalga Josefina Bustamente Muñoz. E desde ese regreso a Ourense, deixou de dar voltas “Arredor de si”, como maxistralmente titula a súa autobiografía novelada do desacougo intelectual e conversión ao galeguismo. Incorpórase en marcha a un movemento que impulsaba Vicente Risco e outros, por exemplo, a través da revista Nós, en Ourense, desde o ano anterior, 1920. 

No instituto do Xardín exercerá a maior parte da súa vida académica, tanto en contacto coa administración -foi mesmo director desde 1928- como docente, durante catorce anos na primeira etapa, antes de ser deposto da cátedra no verán de 1937. Non foi, pois, o seu cese inmediato no comezo da guerra, houbo que esperar a clarificación fascista do alzamento e ás denuncias interesadas contra un galeguista católico e conservador. Despois dun tempiño de rematada a guerra, houbo intentos dos amigos, sobre todo Filgueira Valverde, pero tamén outros, de repoñelo no seu posto, pero el resistiuse a facer pregos de descargo ou solicitudes de reposición porque non lembraba ter pedido a baixa. O caso é que dun xeito ou doutro, volveu dar clases no instituto durante dous cursos, 1948-49 e 1949-50, antes de ingresar -a ilusión da súa vida- como profesor de Xeografía na Universidade compostelá no curso 1950-51. Aprobara a oposición o 1 de abril de 1950, máis arroupado polo seu prestixio intelectual que por participar das novas correntes da ciencia xeografía moderna. En Santiago viviu en contacto cunha mocidade emerxente (Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Carlos Baliñas, Beiras Torrado, García Bodaño...) “os seus anos máis felices”. O día que cumpría 70 anos, o da súa xubilación, o 5 de marzo de 1958, pronunciou na Aula Magna de Xeografía e Historia, unha derradeira lección que aínda hoxe emociona aos que alí estaban presentes. 

Unha lembranza centenaria, pois, para a traxectoria docente de Ramón Otero Pedrayo.