Opinión

2024, unha chamada ao futuro

E chegou -chegamos- ao 2024. Na viaxe a través do tempo e do espazo que son as nosas vidas, chegamos a este marco que co seu díxito anuncia que levamos 25 anos, un cuarto de século, comezando a escribir a data do ano co dous de dous mil. Espero que xa non me volva pasar o de equivocarme cando teño que encabezar algo cun “Ourense, 19...” 

E si. Eu que tanto lles falo de cousas que pasaron antes ca nós, o outro día tiven ocasión, aproveiteina, de falar co futuro. Si. Fixen unha chamada telefónica e xa. Non se cre. E non minto. O caso é que estaba na casa o día 31 cando a iso das doce da mañá chamei ao 2024, a ver como viña. 

Para tal, veume ben ter unha filla vivindo en Nova Zelandia. Estaba ela en Wellinton, a capital de país máis ao sur do mundo. Fíxense que mal repartida anda a terra no planeta noso -tamén a terra- que a tal cidade está a 41o 17’ de latitude sur, e de aí para abaixo, auga ata Antártida, mentres que Ourense está a 42o 20’ -un pouco máis ao norte que eles ao sur- e de aquí para arriba, case todo, París, Londres, Berlín, Oslo, Copenague, Estocolmo, Viena, Praga, Moscú, Budapest, etc. O caso é que nese momento, ela, alá abaixo, estaba festexando xa o ano novo. Pouco movido, dicía. A festa de música e “food trucks” comezara ás oito da tarde; logo botaran os foguetes ás 12 en punto e a festa acabara. Desde ese momento, e por doce horas, ela xa estaba no ano 2024 mentres que nós seguiamos no 2023. A min resultábame curioso falar con alguén que estaba xa no ano seguinte, pero polo que contou, nada era distinto. Si. Agora cos avances tecnolóxicos planetarios, pode un chamar por wasap e falar e verlle as caras en directo e gratis a quen queira, onde queira, tal e como aparecía nas películas de ciencia ficción canto eramos pequenos. Incluso, por unhas horas, a alguén que está noutro día, noutro ano, noutro cabo do mundo.

E si. Eu lembro ter viaxado antes ao futuro varias veces pero sen cambiar de data, cando o planeta xiraba á mesma velocidade que arestora, pero a historia ía moitísimo máis lenta nuns sitos ca noutros. Lembro 1973, de viaxe por Europa coa Tuna de Santo Domingo. Televisión en cores! Revistas de chicas en pelotas nos kioskos! Metro. Uns travestís no Bataclán de París... As nucleares de cubrición redonda ao paso... En fin, noutra viaxe espazo-temporal, 1979 en Xenebra, rapaces con cascos nas orellas, “walkman” no peto, monopatíns -“skates” hoxe- de cores, plumíferos, corricando polo parque ao pé do lago. Lembrou unha peixaría carnizaría inmaculadamente limpa. A central de procesamento do lixo urbano de Xenebra que producía electricidade... Si. Aínda eran tempos de moitas diferenzas que todos os emigrantes ou viaxeiros identificabamos como futuro mentres nós viñamos do pasado en branco e negro. Pero estes contrastes no que o futuro estaba alén das fronteiras extinguiuse pouco a pouco coa integración plena en Europa, léase OTAN e Unión Europea dúas caras da mesma moeda e a chegada de cartos da Unión -autovías, comunicacións- e coa integración de usos e costumes que fan de Europa unha peza unida na que, por outra parte, levamos grandes vantaxes. Falo de sanidade, clima, ritmos e calidade de vida... Ogallá que neste bisesto que comeza sigamos avanzando no futuro, con máis responsabilidade persoal e colectiva, pero avantando por riba de dificultades e pexas. É o meu desexo.

Te puede interesar