Opinión

A gala dos Goya

Ver, vina enteira, pero a verdade é que topenexei de cando en vez. Fixérame ilusións cando comezou a parte da entrega de premios e o Zahera construíu un ben simpático discurso, con contidos e rexouba, en 26 segundos. Tres ideas: 1) Grazas Sevilla, sempre o bo lle pasa alí, 2) grazas ao director porque sempre quixera rodar un western e matar un francés, 3) e grazas aos seus irmáns Anido e Denís Menochet. 26 segundos -cronometreino- de simpatía... pero logo as intervencións foron un clixé repetido: “Comparto este premios co meu equipo pois sen eles nada sería posible, co resto dos finalistas que o merecen tanto coma min, e coa miña parella/filla/nai/irmáns..., non sei que máis dicir, estou nervioso/a”. E así, ata facer unha gala de case tres horas. 

Despois, teño que recoñecelo, non me gustaron os presentadores nin o locutor da TVE. Creo que o fenómeno cinema debe ser un punto de encontro. Entre cineastas e cinéfilos. Entre profesionais e amadores. Entre xentes que cargue para a dereita e xente que o faga á esquerda. Así que lles vou dicir unhas cousiñas que non me entraron polo ollo.

Non me gustou a falla de xenerosidade dos presentadores –mellor chamarlle así que sectarismo- pois complementariamente a dicir que estaba o presidente do Goberno, o ministro de Cultura e outros ministros e ministras, debería ter citado expresamente ao presidente da Junta de Andalucía, por supostísimo, e, por que non, ao líder da oposición. Daría imaxe da pluralidade de cariños ao cine en España. E nin sequera os citou o locutor cando pasou o varrido da cámara por riba deles. Ou se cadra o fixo mentes eu estaría, como dicía, topenexando. Ou xa que falamos de cinema, mentres estaba “off”. Pero non creo. 

Tamén me pareceu de escaso gusto cando a guapa Clara Lago se espraiou sobre tres ou catro amigos, e lle desexou inmensa sorte á unha das candidatas “a ver si ganas”, por iso da neutralidade e equidistancia que deben manter os presentadores. E que Antonio de la Torre faga unha acesa defensa da liberdade de expresión como elemento central da creatividade, paréceme tan innecesario como defender a lei da gravidade. Obviedades, as xustas. E que haxa cinco mulleres finalistas dun premio paréceme tan natural como se houbese cinco homes, nada que obxectar nin que comentar. Ora ben, se queremos tópicos e asuntos manidos, pois non falemos de cine ou de creación, falemos dos parques eólicos, da sanidade pública, da discriminación da muller, etc. etc. 

E rañando un pouco na mensaxe etérea e beatífica de “non á guerra de Ucraína”, sae á luz unha fea falla de empatía e compromiso coa paz. Seguramente non era preciso que interviñese o presidente Zelensky vía telemática na gala, pero algún aceno de solidariedade co martirizado pobo ucraíno era preciso; de falaren do tema. Non se pode manter esa rara neutralidade entre o agresor e o agredido invocando a necesidade de que “pare a guerra”. A solución é obvia. Que dean media volta e volvan a Moscova os pobres soldadiños rusos que lles toca pola quinta, os delincuentes fichados nos cárceres pola empresa da guerra rusa Wagner, e os sanguinarios chechenos de Ramzan Kadirov. Si. No negocio da guerra non só anda USA. E igual que na nosa Guerra Civil ningún bando combatía xa para manter o status quo precedente, tampouco o escenario posbélico futuro será o mesmo. A corrupción sistémica de Ucraína deberá desaparecer. E Rusia... ninguén sabe como vai evolucionar. Un Putin moi debilitado fronte as forzas aínda peores do militarismo privado ou do radicalismo guerreiro, poderían ser aínda máis perigoso. 

En fin, se andamos ao cine, falemos do cine. Pero que non nos conten películas... como acabo de facer eu. Parabéns, pois, ás bestas todas.

Te puede interesar