Opinión

Opinión | Alcalde... E catro!, por Afonso Vázquez Monxardín

Como augur non me gañaba a vida. Hai uns días, nun artigo, “Alcalde, un dos tres”, falaba das posibilidades que tiñan os cabezas de lista do PP, PSOE e BNG de seren alcaldes de Ourense dicía “Descarto a Jácome porque é ben complicado que saque maioría absoluta e mesmo que quede de primeiro”. Menos mal que empezara o texto dicindo “Se non me engano -cousa que me pasa máis do que quixera-...” co que suavizaba o escorregue coa condicional previa.

Os mecanismos de convencemento de voto nada teñen que ver coas voces dominantes nos medios

E si. Gañou Jácome. Sen medias tintas. E non pasou de 7 a 10 como din. Pasou de 4 a 10, pois a candidatura dos que o abandonaron á penas recolleu un par de centos de votos. Á xente non lle gusta a traizón. E con esta vitoria aprendemos varias cousas. Primeira, as enquisas non son contas, son contos. Mellor tomar viños e poñer a orella para ver por onde van as cousas. Os que acertan son os que menos números manexan. Dous. Os mecanismos de convencemento de voto nada teñen que ver coas voces dominantes nos medios. Vendo a TVE ou a maioría das cadeas privadas, Irene Montero e a Belarra ou o Echenique serían grandes líderes e VOX o demo con cornos e rabo... E nin entran no concello nin na asemblea de Madrid. E igual a nivel local. Tres. A xente vota a quen lle peta, independentemente do que lle falen deles ou de que traian a ministros de paseo. E se o meu compañeiro no Carballiño Manolo Prado saca full en Beariz polo PP e o meu exalumno de Celanova, José Antonio Pérez Valado saca full en Verea polo BNG (non tan distintos os concellos) é porque á xente está contenta con eles. E se votan a Jácome, será porque neste momento o seu proxecto FC-RC (Festas, Cemento, Repartir Cartos) goza de simpatía. É o vello” panem et circenses” para a plebe. Xa está todo inventado. E para circo, para divertir ao pobo, Jácome non ten rival. Pallaso, trapecista, músico...

E si. Gañou Jácome. Sen medias tintas. E non pasou de 7 a 10 como din. Pasou de 4 a 10, pois a candidatura dos que o abandonaron á penas recolleu un par de centos de votos

E as derrotas do PSOE e PP son moi duras. Os dous teñen o menor número de concelleiros de toda a historia recente. (6 e 7). O PSOE pode apoiar o seu descenso (9 a 6) na tendencia xeral no país, pero non deben descoñecer que os seus líos internos impiden consolidar liderados e atraer a sociedade civil. O PP, parecido pero máis feo, pois estamos falando de só manterse neses concelleiros nun momento de auxe do PP en toda España. E en Ourense, coas vitorias das persoas con responsabilidades na Deputación (César Fdz. en Ribadavia, única vila recuperada para o PP; Patricia Torres, en Boborás; e tamén, aínda que insuficiente, Pablo Pérez en Celanova). E tamén, máis duro, por ser a cidade do líder que competirá con Sánchez para a presidencia do goberno de España. 

E as derrotas do PSOE e PP son moi duras. Os dous teñen o menor número de concelleiros de toda a historia recente. (6 e 7)

En fin, como minoría maioritaria non precisaría Jácome do PP para ser alcalde, pois un pacto “de perdedores” a tres bandas no Concello sería tan impensable como outro paralelo na Deputación, cos mesmos actores pero xogando papeis opostos. Ou sexa que todo seguirá igual pero máis inestable. E ademais, todo acaba de quedar en segundo plano despois da xogada de adianto de xerais. Con Podemos desaparecido, con Yolanda sen organizar Sumar e derrotada onde a coñecen ben, en Ferrol, Sánchez propiciará a concentración de voto nel, axitando a pantasma de Franco con Vox. E non lle dá tempo ao PSOE que mellor resiste -o que máis lonxe del está- a cuestionar o seu liderado. Ademais, os seus aliados nacionalistas rupturistas vascos, cataláns, galegos, resisten ou soben. E se cadra inda inclúe un referendo sobre a república... Vai ti ver.

Que ninguén no PP se engane, hai moito partido por diante. 

En fin, mellor dedícome ás bolboretiñas que isto da política é moi complicado.

Te puede interesar