Opinión

Alcalde... Un dos tres

Se non me engano -cousa que me pasa máis do que quixera- un dos tres será alcalde: Manolo Cabezas, Paco Rodríguez ou Luís Seara. Todos tres dialogantes, traballadores e educados... Descarto a Jácome porque é ben complicado que saque maioría absoluta e mesmo que quede de primeiro. Ademais, coa actitude última do PP -denuncias no xulgado, declaracións de en ningún caso pactar...- pódese pensar que é pouco probable que se repita o soterramento da valoración de “letalidade”. Aínda que “cousas veredes que non creredes” debería existir un límite. En fin, daqueles avoltos cruces de intereses, estas realidades lamacentas.

E eu creo que Cabezas e Paco teñen bastantes cousas en común. Unhas boas e outras non tanto. Os dous teñen experiencias de goberno ben lembradas e valoradas... pero diso hai xa tempo. Cabezas como transformador e modernizador máximo das infraestruturas da cidade (1995-2007), despois das iniciativas de Manolo Veiga do PSOE (1987-1990) que peonalizou o Paseo e volveu os ollos aos ríos. Paco (2007-12), como continuador dun proceso modernizador pero impulsado con outras claves e liñas ideolóxicas e sempre gobernando en coalición/pexa co BNG e a oposición do PP e de aguerridos construtores. Os dous, Cabezas e Paco, teñen ante os cidadáns boa imaxe... mellor que os seus partidos a nivel local. Lembramos a expulsión de Paco do PSOE (2012) e os eternos problemas da súa agrupación local, ou a “proa” do PP ourensán a Cabezas nos seus tempos finais (2007). Os dous andaron ás voltas coa Xustiza e seica están ceibos de todo. Os dous naceron entre 1953 e 54, e teñen experiencia... e novos non son. Se Cabezas está no partido que sentou a Jácome na alcaldía... Paco, no que intentou pactar con el, e os dous, nos que non se deron posto de acordo para sacalo do medio. O caso é que nestes once anos longos desde a saída de Paco, as seguintes corporacións navegaron en augas revoltas e con poucos avances para a cidade. Non serán moi lembrados nin Agustín Fernández (2012-15) nin Xesús Vázquez (2015-19) quen tamén soubo moi cedo da proa que coñecera Cabezas. E despois, pasou o que pasou. E iso si, será lembrado e estudado.

Luís Seara, pola súa parte, representa unha xeración máis nova, pois é da colleita de 1964. Ingresou no BNG da parte de Pepe Peña (PNG), a cara moderada do BNG. Só sería alcalde na hipótese de que o BNG adiantase ao PSOE e entre os dous sumasen 14 deputados. Pero tal sorpaso xa se produciu en 1999 e 2003 –con Pepe Peña e Alex Sánchez Vidal, e Antonio Troitiño e Paco Rodríguez como respectivos de cabezas de lista e repetindo resultados- (BNG 7, PSOE 6). Pero gobernaron nas dúas seguintes cun PSOE despegando da man de Paco como en ningunha outra cidade de España e un BNG á baixa. En 2007: PSOE 8, BNG 6; pero en 2011: PSOE 11, BNG 3. E despois chegou a inxustiza da Xustiza. Luís non leva tido ningún problema coa dama da balanza e anteface, pero tampouco foi alcalde. Ten a favor tres ventos: a inercia do ascenso BNG polo “aval dos espellos” de éxito en Allariz ou Pontevedra, o máis afastado dos tratos con Jácome e pola “novidade” que suporía. 

Nestes tempos que poden ser de mudanza e de caída de deuses, está por ver se a cidadanía prefire para liderar a restauración a experiencia modernizadora da cidade da man conservadora e dialogante de Manolo Cabezas, da modernización progresista e amable que representa Paco Rodríguez ou da novidade máis afastada do pasado que representa Luís Seara. 

As outras candidaturas (á parte do fenómeno jacomista, cousa aparte) que me perdoen, só van restar as posibilidades reais a estes tres. Que vostedes o voten ben... E que lles preste. 

Te puede interesar