Opinión

Andar sen présas

Asómome ao balcón e vexo xente correndo. Uns para alí, outros para alá, outros para acolá. Valoro inmediatamente que non é situación de emerxencia porque ao seu lado hai paseantes que van conversando, nenos cun xelado nunha man e a man da mamá na outra, señoras que sen présas miran escaparates, vellos de beizo caído que arrastran os pés e se apoian nun caxato, adolescentes atoutiñantes con cara de sorriso e trasnoita; ademais, non se escoita ningunha serea de ambulancia, policía ou bombeiros: definitivamente, non hai urxencia ningunha. E os que corren, locen todos parecido: pantalón curto, camisetas de cores chamativas, calzado deportivo, grosos calcetíns brancos, e desprázanse de xeito semellante: con máis ou menos xeito, erguen os brazos alternativa e acompasadamente, case ata a cara arrubiada polo esforzo, e bafexan facendo morros cos labios, pero non se le nas súas caras nin rastro de temor. Parece que non foxen de nada nin de ninguén. Pero como agora van para aquí e despois ves aos mesmos correndo para alá, creo que tampouco van a ningún sitio. Corren por correr. Que vén sendo así algo como falar por falar, pero máis canso e menos entretido.

E seica lle chaman pola moderna “running”, que maldita a gracia que me fai a palabra tendo o tan produtivo verbo “correr” entre nós desde que o mundo é o mundo, ou sexa desde que a lingua é a lingua, gracias aos nosos avós romanos aos que estamos desprezando por preferir a nova expresión das loiras xentes do norte, á vella dos devanceiros de Ostia, Roma ou da Civitas Auriensis. Correr. Running é pedantería estúpida de quen empreña polas orellas. Non renego eu de Revve Anabaraeco, nin de Iupiter, nin de Cristo. Pero non son de Thor, nin de Odin. Quede claro. E se a palabra running non me gusta, pois tampouco me seduce a moda esa de botarse a correr ao tolo, como se o perseguise a un o lobo, nestes tempos nos que no monte hai, como moito, e moito hai, xabaril.

En fin, que o home, por sorte, evolucionou a ser un animal bípedo, porque levantou as patas dianteiras do chan, senón non era home. O que ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Vantaxe de ter os ollos máis no alto que un cuadrúpedo –lobo ou león, por exemplo- ou sexa ver máis alá, Vantaxe de convertir esas patas de adiante en mans, para subir ás árbores, facer ferramentas, repartir golpes ou rañar a barriga sen ter que dar voltas sobre si. Inconvenientes á hora de parir ou de correr; con dúas córrese menos que con catro e fórzanse máis as dúas. E se nos lesionamos unha imos de cu, e non de medio cu, como eses cans que corrican cunha pata rota encollida. Somos, pois, un mamífero bípedo, con mans de dedos hábiles, cerebro grande, que fala e, naturalmente, lento.

Aínda que lle cambiaran tres veces de nome á novidade de correr por vicio –footing, joging, e agora, máis acelerado running-, non me acaba de seducir. E cando vexo a esa xente con cara de preinfarto, menos. Andar, pasear, si. Correr é de fuxitivos ou de situacións de perigo. Pero en calquera caso, a actividade está emparentada co palabra “deporte” pois seica vén dunhas carrerias que facían os estivadores de Marsella, a ver quen chegaba antes “de porto” ao barrio onde vivían. Seica. Ou sexa, mellor andar bastante e sen présa. A sabor do corpo, que para iso estamos de vacacións.

Te puede interesar