Opinión

As toalliñas tupidoras

Leo con pasmo dous problemas de xestión de residuos urbanos que me alucinan e que nos dan mostra de ata que punto se complica a sociedade actual. E esta dificultade de xestión vén de todos os lados. Cantas máis cousas hai, máis difícil é o seu manexo. No século XV a media de obxectos que tiña unha persoa era cinco ou seis, e agora son milleiros. Vemos as vivendas castrexas, por exemplo, e chámannos a atención por pequenas, pero non había problema pola pouquidade de pertenzas e a integración permanente no medio. O concepto de fóra/dentro da casa debía ser disinto e, realmente, a casa viña sendo só o lugar de facer o lume e de durmir, de aí a identidade de fogo e fogar, de lar e lareira. Pero non teñan medo, non quero que volvamos a aqueles tempos de campismo obrigatorio e estoulles usando un ordenador para escribir e unha pantalla para ver as letras e non un stilus para riscar sobre unha plaquiña de cera. 

O que pasa é que desde que somos plenamente conscientes do mal que a nosa actividade humana descontrolada lle está facendo ao planeta -ó noso lar común- debemos rectificar e reconducir a cousa. Seducindo á opinión pública -educándoa- ou “tanguéndoa” coa aguillada da lei e da afectación ó peto. Explícome. Xa usamos moitas menos bolsas de plástico como se pode ver cando un vai ao súper, pois cada vez máis xente leva as súas da casa -educación-. E se un non a leva, ten que pagar -peto-. O da aguillada deixámolo para as transgresións graves, tales como derrames nos ríos, mares, etc. ou calquera outro atentado ecolóxico de nivel. Incluso nun mercado como o capitalismo social avanzado que vivimos, a elasticidade do sistema permite que desaparezan produtos tecnolóxicos por inútiles -falo, por exemplo, dos coitelos eléctricos de cociña ou dos MP3- e aparezan outros novos constantemente. 

Pois ben, creo que a solución ao problema das bastonciños e das toalliñas que tupen os sumidoiros non é nada complicada. No caso dos bastonciños, que a excepción sexa norma: hainos xa que teñen os pauciños de cartón. Así pois, fóra o plástico e deixar só os de cartón e se custan algo máis, pois que custen; non son pan ou leite. E no caso das toalliñas, creo que é máis fácil: que se deixen de fabricar, prohibilas. Antes non as había e non pasaba nada. Non digo, Deus me libre, de volver aos tempos en que nos wáteres dos bares había unha punta cravada na parede con cachos recortados de follas de papel de periódico. Tampouco quero volver, claro, aos tempos do papel “El Elefante”, que miren que cousas, teño visto vender en mercadiños medievais e de trangalladas desas, a seis euros o rolo, para saudosos e nostálxicos do papel de lixa do triple cero. En fin, que creo que co papel de celulosa normal, mórbido, na acepción de suave, chega ben para sacar potes e maquillaxes normais ou de entroido para non manchar a almofada, ou limpar habitualmente a saída de residuos sólidos que levamos incorporada de serie na parte posterior. A súa desaparición, a das toalliñas, non suporía ningunha outra cousa que a adaptación necesaria á realidade, despois de comprobar e decatarse de que algo que xera máis problemas dos que soluciona, sen ser imprescindible e facilmente substituíble, non pode seguir amolando. Así pois, se non son facilmente biodegradables, fóra. Punto. “Defunto o cánido, desaparecida a hidrofobia”, que diría o outro.

Te puede interesar