Opinión

Barra libre

Unha vez desaparecida a Concellería de Cultura; unha vez eliminados os premios de literatura; pois hai barra libre ao exercicio da política cultural como ocorrencias sen filtro. Os maios ourensáns son unha festa que na súa faceta moderna -concurso, premio, etc.—ten pouco máis de cen anos. Angelita Varela pagando e as Irmandades reunidas ao redor do Tío Marcos da Portela organizando, puxeron en marcha o tema, alá polo 1917, máis ou menos.

Di Risco na Historia de Galicia que antigamente se tiraban pola Barronca e despois, no seu tempo, da cima dunhas das pontes. Tamén sinala unha copla humorística na que se ameaza ao maio de queimalo onda a Ponte Nova, pero explica que isto aquí non se dá. Pódese innovar hoxe? Desde logo. Pero dado que é unha festa que en toda Europa está asociada ao renacer da vida, non parece axeitado o lume, que, entre nós, é a festa do magosto.

En fin, creo que hai vinte formas de facelo máis vivo. Igual que “capital do entroido” e desfiles de todos os entroidos do noroeste, como “capital do maio” con algo semellante. Unha especie de xuntanza de maios vivos -nenos cheos de flores, como antigamente había, tamén en vilas de Ourense-, e maios figurados -pirámides ou artísticos- e por que non, recrear o rito europeo da árbore de maio que houbo en Entrimo e Laza, etc. En calquera caso, eu consultaría a Clodio González, o máximo especialista, e de Ourense, pois os cargos políticos non dan ciencia infusa.

Te puede interesar