Opinión

Berlín, Berlín

Estoulles escribindo desde o lobby do hotel Leonardo Alexander Platz de Berlín, que, como curiosidade lles direi que non está nesa praza fea e hiperquinética, coa súa torre da TV que outrora foi símbolo da DDR. Risco dicía que nela empezaba oriente, hoxe nin iso. Son as oito a mañá do día primeiro de maio, e levo catro días aquí. O contapasos do teléfono di que non fixemos menos de 20.000 ao día. Estoulles contento. Por varias razóns. A primeira porque vexo a filla e xenro encantados. Vivindo do centro do ollo do furacán dos tempos, ou na coia onde pousa o rodicio do muíño da historia. Si. Este Berlín nada ten que ver co de outrora. Xa lles contarei. A segunda razón é porque vexo que estamos en forma nós para este tute pracenteiro. A terceira, porque neste mundo multilingüe de hoxe, non temos ningún problema para nos entender. É máis, creo que se fala máis inglés ca alemán. Desde logo é a lingua franca na que se move esa xuventude diversa, preparada, rebuldeira, comprometida, gozadora que lle dá esa sona de cidade dinámica e viva. E a cuarta, por una razón emotiva íntima. Moita da actividade turística da cidade xira ao redor dos museos de arte e historia de importancia mundial -Pregamon, Neus, etc.- pero outros espazos, ao redor da historia propia da cidade. E como non podía ser doutra maneira, ao redor da historia da construción e derruba do muro da ignominia co que a ditadura comunita encerrou aos seus habitantes. E a emoción que lles digo ten que ver coa miña anterior visita a esta cidade. Cóntolles.

Foi en decembro de 1989 que un rapaz que estudaba Historia en Santiago decidiu vir ver como caía o muro. E organizou para tal unha excursión desde Santiago. Etapas maratonianas. Santiago-Burdeos, Burdeos-Berlín. E á volta, Berlín-Bruselas, Bruselas-Santiago. Sen parar. Cuartos, como cadrase, de oito, ás veces. Prezo, oito mil pesetas, -48 euros- case todo incluído. Por suposto, unha das experiencias da miña vida. Quen me día dicir daquela que despois de 34 anos volveríamos Belén e eu a camiñar aquelas rúas cunha filla que aquí, feliz, viviría! 

E si, vendo o outro día un deses espazos de memoria, no Dokumentations Zentrum do Berlín Wall Memorial, un video sobre aqueles momentos entre o levantamento popular en Leipizg en setembro do 89 e a unificación en marzo de 1990, sentín a emoción de ter estado, modestamente, presente naquela historia. Algúns vellos alemáns escoitaban, serios, os testemuños de protagonistas anónimos. Outros, máis novos, preguntábanse como fora posible todo aquilo. Dábanme ganas de berrarlles: Eu estiven aí daquela, petando no muro, roubando unha das placa nas que lle advertían aos coches en Check Point Charlie que apagasen os motores nas fileiras de espera e que hoxe, enmarcada, teño colgada na casa. Si. Compartir a emoción e as bágoas de varios millóns de alemáns na festa de fin de ano de 1989, onda a porta de Brademburgo, é un deses fitos polos que merece a pena vivir.

Xa lles irei contando. Desde logo a cidade en nada se parece a aquela. As cicatrices na pedra que inundaban os edificios históricos do Berlín Leste aínda existen, pero só para os atentos que reparen nela. A enxurrada de vida e actividade, os novos costumes, as novas poboacións, as novas esperanzas, aséntanse nun pobo diverso construtor do presente e devecente de futuro que mira ao pasado, con asombro pero sen ira. Desde logo o que máis emociona e se envexa, é o aire de liberdade e confianza no cidadán. A convivencia entre persoas, bicicletas, tranvías, coches, sen apenas indicacións de prioridades nin conflitos, acompaña a unha corresponsabilidade na que o marabilloso transporte público funciona pagando, claro, pero sen ter que ticar billetes nin muíños de entrada no metro. Suponse que todo o mundo cumpre e moi ocasionalmente –aínda non vin ningún- hai inspectores que solicitan documentación. Aproveitarse da confianza, máis ca delito, é unha vergoña. Temos moito que aprender. E algo que ensinar. Xa falaremos. 

Te puede interesar