Opinión

A bolboretiña do día | Arrichar, richar e requichar

Estas tres palabras non teñen irmás directas nas linguas veciñas. O dicionario RAG dinos que arrichar é animarse a facer algo ou terse teso con alguén. De aí, unha persoa moi arrichada é aquela moi botada para adiante, susceptible, algo presumida e que enseguida salta. A carne richada, nada ten que ver con iso. Virá, seguramente, do verbo “richar” que sería asar ou fritir en aceite, facendo ruído, se cadra relacionada con “rinchar” que é o que fan os cabalos. A terceira palabra, requichar, ten o dobre significado de levantar o rabo ou as orellas os animais ou de recuperar o ánimo ou a forma física. “A planta estaba case seca, pero regueina ben e requichou´”. Tamén se usa para calquera cousa que se levanta por unha das súas partes de forma expresiva. “Requicháballe a saia á nena” é o exemplo que pon o dicionario da RAG.

Te puede interesar