Opinión

A bolboretiña do día | Mais sobre o bafo, abafar e bafexar

Algún se preguntaría porque en galego “bafo” é con be e en castelán “vaho” con uve. Porque na lingua irmá esqueceron a súa grafía tradicional que viña relacionada cunha forma onomatopeica “buff” de exhalación de aire (como bufar, bufido, cando un cabreado bota aire polo nariz e a boca facendo ruído en sinal de protesta) e pensaron que tiña que ver con “vapor” e chapodaron a parte superior da letra. E como a lingua é tan produtiva, con pequenos prefixos e sufixos matizamos significados. De abafar e estar abafados, de calor, falamos onte. Pero se un está abafado e bota unha carreira, digamos que ás catro da tarde do San Lázaro ao Xardín, se non morre -o máis probable- polo menos acabará bafexando como un can, ou sexa cunha respiración frecuente e fatigosa como signo de esgotamento. Se falo castelán, tamén digo “bafexar” porque outra forma non sei para expresar a idea. Cando saio de Galicia, non o uso, claro.

Te puede interesar