Opinión

Branco e dourado ou azul e negro?

O noso entrañable Xan da Cova, un dos noso tolos máis ilustres, inventara entre outras marabillas, a finais do XIX, o paraugas universal. As raíces da ocorrencia eran aparentemente incontestables: se chovía sempre de arriba, a solución para que non se mollasen ninguén era fácil: pór un paraugas inmenso sobre o polo norte, que, como todo o mundo sabe, está na parte de arriba do mundo. Algunha inexactitude debía existir no plantexamento teórico, sobre a que arestora non imos entrar, pero o caso é que ese paraugas nunca se puido construír.

Se ese invento non foi adiante, outros máis sorprendentes chegaron. Quen nos ía dicir hai trinta anos que metíamos un vaso con leite nun aparello en forma de caixa e en menos dun minutos ía quecer, sen lume nin fume, só con ruído, sen ter que andar enredando con aqueles cazos que ó mínimo descoido derramaban o leite fóra? Quen nos ía dicir que íamos ter un teléfono no peto enganchado permanentemente a todos os teléfonos e bancos de información do mundo e que desde el mandariamos fotos e fariamos transferencias de cartos coa máis absoluta normalidade? Ou que desde unha especie de máquina de escribir con pantalla de televisión íamos falar e ver á vez á persoa en calquera parte do mundo como nas películas da chamada daquela “ciencia ficción” e gratis?

En fin, a min, emigrante no tempo desde os pagos da enciclopedia de Álvarez ao mundo cibernético, aínda me sorprenden estas cousas que ás xeracións seguintes lles pasan desapercibidas. O mundo é, evidentemente, máis pequeno e as culturas étnicas quedan nos museos. Os bulos, as modas, a cultura popular actual (que cómpre distinguir ben da cultura tradicional coa que poucas cousas comparte), móvese con ondas que se transmiten á velocidade da luz e dito isto sen esaxeración ningunha. Se antes eran un fluxo que se acompasaba co andar das persoas na súa difusión territorial, e que maiormente morría nas beiras do camiño por incomprensión froito das distancias culturais previas, hoxe son flashes inmediatos que en poucos minutos dan a voltas polos teléfonos-ordenadores de todo o planeta.

Permítanme que lles conte un sucedido de hai un par de semanas. Recibo nun grupo de whatsapp familiar unha mensaxe dunha filla: “Vistes o do vestido?”. Contesto de inmediato: “O do branco e dourado?”. Lacónica di: “Si”. E pregúntolle a outra filla: “Como o ves ti?”. Ela constéstame no instante: “Crudo. Que o mundo enteiro se estea preocupando por unha parvada así en vez de cousas de verdade. Azul e negro, sen dúbida”. E deume por pensar. Porque unha estaba nunha terraza da Recoleta en Buenos Aires e a outra estudando na casa en Compostela. Ao día seguinte vin a cousa xa nos medios de comunicación e souben que o mundo falaba do tema. As mesmas preocupacións, os mesmos desacougos, as mesmas trapalladas... Os latidos son xa universais. En como acompasamos este bombeo planetario co ritmo dos nosos corazóns, como persoas e como pobos, radica unha das claves do noso futuro.

Te puede interesar