Opinión

Calor

A calor é un problema variado e de moi distintas intensidades. Empecemos polo máis nimio: o xénero. Como ben saben a maioría de vostedes, en latín había tres xéneros -masculino, feminino e neutro- e nas nosas linguas latinas, realmente dous. Porque iso do neutro “lo bueno”, pois si, pero é moi moi moi reducido. Máis inda en galego, que ese “o” pois ten forma de masculino. En fin, que os neutros do latín repartíronse de forma desigual polas linguas en función do gusto e uso dos falantes. Todos os galegos de boa nación dicimos “o leite”, por exemplo, e dicimos tamén “la leche” cando falamos a lingua convidada. Pero claro, hai unha serie de palabras nas que a xente non tiña tanta unanimidade. O típico que estudamos de “el mar, la mar”, que valían os dous. Pero, pero, ata que o populismo lingüístico non faga escorregar o sentido común máis alá do actual -que todo pode ser- en castelán a forma boa é dicir “el calor” e o que di “la calor” pois queda por pailán. En galego, ou por iso de levar a contraria ou porque fose forma máis popular, que o dubido, quedou como normativo “a calor” e por forma a desbotar “o calor”. A min, a verdade, non me entra polo ollo por unha razón moi simple: en portugués estándar é “o calor” e non me gusta a min que haxa unha palabra soa na que diverxa o xénero do galego ao portugués. En fin, eu farei o que me manden os que saben máis ca min, que non está o mundo para cismas nin cismóns. Así que si, a calor é un problema. Pasa como a dor. Cando che doe algo moito, non podes pensar máis dor. Lembro unha viaxe con alumnos a París e Estrasburgo como unha cousa pequena ao lado dunha tremendísima dor de moas que me acompañou desde o momento da aterraxe no Charles de Gaulle ata dez días despois da volta. Debeu ser cousa do cambio de presión de avión ou o que fose que coincidiu. Horrible. E se a dor non se afai un, a calor é un tema bastante distinto. 

No fondo, saben todos vostedes, que presumimos os ourensáns de calor. Amolar amola, pero molar, mola, ser a cidade punteira do norte de España por algo. Sobre todo pola estrañeza que produce nos alleos á nosa comunidade... Pero Ourense? Como corenta graos tan arriba no mapa? Pois xa ben. E estamos bastante afeitos. Noutra viaxe, alá hai once anos, subindo a Masada -unha especie de castro, fito simbólico e repetitivo sempre coa mesma historia, mellor morrer que que nos conquiste o inimigo, e que se pode chamar Medulio, Numancia, Tarifa, Alcázar de Toledo, etc. pois ía, certamente, calor calor. Tal que 45 ou 46 graos. E téñolles que dicir verdade, eu levábao bastante ben e estrañábame como se mareaban os colegas da expedición do norte. Lembro un de Santander e un navarro deitados e dándolles aire. En fin, eu andaba pola escavación de aquí para alá vendo construcións do castro os campamentos romanos que sitiaran, todo hoxe no medio do deserto pero daquela non, e ollando ao lonxe o mar Morto... e preguntáronme se toleara, que como podía aguantar aquilo... Orgullosamente, presumindo, díxenlles: “Non vou dicir que vai frío, claro. Pero esta calor xa o teño visto eu moitas veces. En fin, ventaxes de ser de Ourense”. 

Iso si, despois, á noite de volta en Xerusalem, no pub no que soiamos ir no fondo da rúa Ben Yehuda, baixaron moitas cervexas. Moitas. Non había Estrela Galicia, pero había Goldstar e sede abonda. 

Te puede interesar