Carballo Calero 2020

Carballo Calero 2020

Teño a impresión de que hoxe a Real Academia Galega vai decidir o Día das Letras Galegas 2020 en favor de don Ricardo Carballo Calero. E tal sopeito porque os que poden presentar candidaturas, os académicos de número, puxeron sobre a mesa dúas. A primeira, avalada por un grupo, propuña a don Ricardo Carballo Calero como autor a celebrar o vindeiro ano; e a segunda, avalada por outro, propuña, para o vindeiro ano, a don Ricardo Carballo Calero. Supoño, que, como a lóxica indica, fusionarán ambas nunha consensuada, porque, a pesar da diverxencia formal, a confluencia esencial debería axudar a esvaecer os públicos desencontros -que a ninguén interesan máis alá dos involucrados- da RAG e recuperar con este consenso, outros moitos posibles e necesarios. Lembremos que os galeguistas vellos, seguindo o exemplo irlandés, sempre se trataron de “irmáns” e mantiveron relacións de colaboración cordiais, mesmo na diverxencia. Pensemos no trato amical, señorial e respectuoso que sempre mantiveron Filgueira, Risco, Otero Pedrayo, Paco del Riego, Ramón Piñeiro, Carballo Calero na posguerra e despois. Este é o exemplo que debería obrigarnos a todos. Punto.

A dedicatoria a Ricardo Carballo Calero -ou Carvalho Calero, como el grafou na última parte da súa vida- é unha magnífica escolla. Don Ricardo ten, segundo eu creo, cinco eixos vitais importantísimos. Un, o de creador: a súa novela “A xente da barreira”, gañadora en 1949 do primeiro concurso de narrativa galega, convocado por Bibliófilos Gallegos -a iniciativa de Filgueira Valverde, e cun xurado no que estaban, entre outros, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas e Francisco Fernandez del Riego- abre un novo capítulo nas nosas letras, pois foi a primeira novela galega da posguerra. E don Ricardo ten obra poética, teatral, narrativa moi apreciable e da que se falará moito en tempos vindeiros. Segundo, o de historiador da literatura: como e ensaísta literario é, simplemente, o creador do canon. A súa “Historia da literatura galega contemporánea” (1963), progresivamente ampliada, foi o primeiro compendio sistematizador de xeracións e movementos, e é a obra basal que todos estudamos e seguimos consultando. Seguiron logo outros moitos ensaios ata a fin dos seus días. Tres, o de lingüista: é o autor da “Gramática elemental del gallego común” (1966), tamén suxeita a moitas reedicións e actualizacións, e primeira superadora da centenaria de Saco y Arce. Catro, o de docente: foi o primeiro catedrático de lingüística e literatura galega da Universidade de Santiago, desde 1972 á súa xubilación, e antes fora director de facto -que non de iure, por imposibilidade legal, castigado polo franquismo- do colexio Fingoy de Lugo. E por último, quinto, o máis hipertrofiado na proxección pública última, foi o principal referente do movemento reintegracionista, seguindo a iniciativa que o lingüista portugués Manuel Rodrigues Lapa expuxera en Grial en 1973, o que sería a causa que frease ata hoxe a súa escolla para as Letras.

E paréceme especialmente axeitado este 2020 porque don Ricardo, moi novo, contribuíu con 27 artigos á Revista Nós, que celebra centenario ese mesmo ano. Algúns son artigos de creación, outros de crítica literaria ou xa sistematizadores da historia das letras, como o titulado, cando ten 20 anos, “Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea”, ou “A xeración de Risco” aos 26. Sen dúbida estamos perante un dos máis grandes, esforzados e eficaces tecedores da nosa identidade culta e enlace fundamental da memoria entre os tempos de Nós e os nosos. Felicitémonos, pois.