Opinión

Castelao presidente?

Castelao é un home importante que, coma todos os que empuxaban a historia para restaurar unha Galicia de seu e proxectala ao futuro, tocou varios paus. No seu caso, escritor, debuxante, político... Noutros, como Otero, escritor, xeógrafo, político. No de Risco, profesor, escritor, etnógrafo, político... Todos acaban sendo algo ou moi políticos para axudar á construción do país que soñaban. Pero cargos tiveron poucos. Risco, por exemplo, só foi deputado provincial designado nos primeiros anos da ditadura de Primo de Rivera, como Losada Diéguez na de Pontevedra. Otero, un par de anos electo deputado en Madrid, e Castelao e Suárez Picallo, deputados tamén, eses dous anos ao comezo da II República, e uns meses antes da Guerra.

A política é unha obvia preocupación na formación e xestión do país pero na que os galeguistas non foron moi hábiles. Tivo máis éxito o esforzo cultural, de xeito que a lembranza do seu traballo literario, histórico, musical, etc., é moito máis intensa cá doutros movementos, e a súa continuidade ata hoxe, moito maior.

Vexamos. O Partido Galeguista -ao que me unen, e non só, lazos de sangue- fundouse en decembro de 1931. E como a II República levaba desde abril, os deputados Otero, Castelao e Picallo, con acta desde as constituíntes de xuño de 1931, fórono en candidaturas de conxunción republicana, pois daquela non existía o PG. En 1933 presentáronse sós e non sacaron ningún deputado. En 1936, arrimáronse á Fronte Popular, esgazouse o partido e obtiveron dúas ou tres actas sobre as 49 de Galicia. E veu a Guerra e a posguerra e o presidente vasco no exilio anima aos galegos a crearen un ente político para falar como se fose un Goberno galego no exilio -imposible porque non o houbera aínda na Terra- na futura reorganización de España á fin da II Guerra Mundial e á agardable caída de Franco. Así, crean o Consello de Galicia en 1944, pero só se achegan os tres deputados galeguistas en América (Castelao, Suárez Picallo e Alonso Ríos -agrario-) e o seu amigo Elpidio Villaverde, de Izquierda Republicana. Logo, agradecido, Alfedo Somoza -Castelao xestionáralle desde París a visa para Montevideo, en 1947- e Portela Valladares, testemuñalmente, pois vivía en Francia. Como se dá o caso de que o resto das forzas políticas do exilio -socialistas, comunistas, republicanos, etc.-, e tampouco os galeguistas do interior, lle recoñeceron lexitimidade para falar en nome de Galicia, trataron de dirixir a súa actividade ao conxunto da Galicia emigrante no Río da Prata, como vía de actuación e de medre desa “lexitimidade”. Certamente, a pesar do fracaso político, si tivo o Consello a estima como referente por parte da maioría das sociedades de emigrantes, grazas a que Castelao era figura moi coñecida e valorada. 

Pero logo da consolidación do franquismo e máis desde a morte de Castelao en 1950, o Consello foise apagando. Con Alonso Ríos gozou dunha vida residual e ningún papel xogou na construción da Autonomía. Nin sequera como elemento evocado desde aquí, pois o galeguismo e o nacionalismo do interior, como diciamos, tampouco lle recoñecía ascendente. Porén, ben entrado o novo milenio, o nacionalismo máis radical trata de construír o mito de que foi “un Goberno no exilio”, en paralelo á disparatada existencia dunha República Galega, proclamada en Compostela, en xuño de 1931, e da que nin a maioría da prensa do día seguinte falaría. En fin, a “galeguización” institucional do país coa Autonomía veu da man das persoas que traballaron na cultura e política desde Galicia e axudaron a cimentar os mitos fundacionais do país. Entre eles o de Castelao. Pero, presidente de Galicia? “Presidente do Consello de Galicia e precursor do noso autogoberno”, di o recoñecemento da mesa do Parlamento de Galicia. E así está ben. 

Te puede interesar