Opinión

Catro mundos no mundo


Arsenio, o glorioso adestrador do Dépor, dixo nunha ocasión que cando se lle dá unha patada a un balón, non se sabe para onde vai ir porque é redondo. Pero o mundo, aínda que redondo el, é máis previsible. Sempre xira para o mesmo lado. E faise noite e logo día. E inverno e verán. E neste pequeno punto azul vivimos xentes moi diversas pero agrupables en grandes familias que se enfrontan con estratexias moi distintas á organización da súa existencia e pensamento; chamámoslles culturas. E as súas formas poden variar máis ou menos ao longo dos tempos. Amilcar Cabral, un dos pais da guerrilla e independencia da Guinea portuguesa, dicía que nos pobos indíxenas africanos era difícil ver historia pois os tempos eran circulares, sen que se producisen avances nas súas formas de vida e pensamento en séculos; así, a chegada dos portugueses, metéraos traumáticamente na historia. Pero ás veces hai luces marabillosas e prodúcense revolucións de pensamento. 

E nós somos fillos da cultura clásica greco-latina e a súa reflexión sobre o home, da asunción da transcendencia no mundo xudeu-cristián, da idea de liberdade esencial do cidadán da Revolución Francesa e da idea da xustiza social do marxismo orixinal. E así, fomos consolidando no mundo occidental unha sociedade antropocéntrica onde hai consensos na liberdade radical do individuo, na desaparición da relixión do ámbito de decisión pública e relativizáronse moito outros valores tradicionais que se esvaen como o neboeiro. E este mundo occidental inclúe a maioría do planeta, e queremos exportar a nosa visión, se cadra un pouco soberbios, a todo o planeta.

Porque hai outras sociedades onde o centro non é o ser humano senón a divinidade. As sociedades teocéntricas, nas que toda actividade humana está rexida polas interpretacións dos intermediarios da palabra divina. E poden ir, coma todo, para adiante ou para atrás. Sempre estudamos a liberalidade dos hispanomusulmáns e a chegada de almohades e almorávides de África, como retrocesos. En moitas das sociedades teocéntricas de hoxe houbo un pasado no que estiveron a punto de seguir sendas laicistas occidentais... Se falo de Turquía quero conservar esperanzas. Pero ai de Irán, ai de Siria, ai de Iraq, ai de Afganistán ou Exipto, ai de Líbano, ai de Palestina. Lembramos as imaxes das súas mulleres da década dos sesenta e setenta... Guerrilleiras palestinas con melenas ao vento, modernas iranís esquiando, exipcias de tacóns altos e gafas grandes... Hoxe xa é difícil, incluso, topar valores compartidos. Que hai da democracia, xustiza social, pacifismo, tolerancia, laicidade, liberdades políticas, sindicais e persoais, sexual incluída? Que hai do respecto as ideas do outro...? 

No terceiro tipo, o centro é a comunidade. Un morre ou mata, ou simplemente se esforza, polo colectivo. Os kamikazes da II Guerra Mundial, ou os Tigres Tamiles nos oitenta, serían incomprensibles en Occidente. E si, por moi occidentalizadas que nos poidan parecer hoxe, nas sociedades da India, da China, de Xapón, de Corea... o centro, o eixo, é o común. Así, eses esforzos que nos parecen sobrehumanos -abriren as tendas todos os días, por exemplo- non é só por diñeiro, é porque a súa comunidade -familiar, nacional...- avance. O individuo realízase só a través da súa incardinación no colectivo. Sociedades pletóricas de forza e vontade de triunfo. 

E vexo un cuarto e pequeno grupo, en desaparición: os primitivos actuais. Eses que ven o centro na natureza. E eles viven integrados nela, como unha parte, pero co máximo respecto. Son sociedades animistas, que cren nos espíritos da árbore, do río, da chuvia, do sol, do animal... Dalgún xeito, son os máis próximos ao ecoloxismo da sociedade antropocéntrica nosa. E pechamos o círculo.

Te puede interesar