Opinión

Cheas e paremioloxía

Apalabra “chea” gústame moito. Fai referencia, como é obvio, á fartura. E é mellor a fartura que a fame, a abundancia que a escaseza. Aínda que moitas veces, se a abundancia é excesiva, é negativa. Sempre se falou das “cheas” do río, por exemplo. Así no Porto, nos restaurantes da Ribeira, hai marcas nas paredes que sinalan onde chegaron as cheas –“cheias” din eles- de cada ano. Na ponte vella de Ourense hai tamén unha marca destas que pon, se non lembro mal, “Avenida de 1868”. Pode. Tamén ten o sentido de simplemente gran cantidade –“esperou unha chea de tempo”- ou o de exceso, atracón ou borracheira -“chegou ás catro da mañá cunha chea do demo”-.

E as cheas –tamén chamadas “enchentes” ou “enchentas”- son algo moi frecuente, por vía indirecta, na paremioloxía popular. Ou sexa, nos refráns hai, nunca mellor dito, unha chea de consellos para previr certos males, dos que sempre me lembro cando vexo os telexornais e os asolagamentos de casas, piscinas, pozas, termas, paseos, etc. ao pé dos ríos.

O máis “corrido” é aquel que sinala que “nin casa ao pé do río, nin viña ao pé do camiño”. A viña ao pé do camiño, claro, chama aos camiñantes a coller unhas cangas e probar as uvas no tempo e, ademais, como nos demostran algúns ladróns nos últimos anos, ás viñas ao pé das estradas permiten achegarse cunha furgoneta e facer unha vendima paralela antes de que veñan os donos, co que se lles alixeira o traballo pero non levan ningunha alegría especial. E o da inconveniencia de facer casas ao pé do río é tan evidente, e nós facémoslle tanto caso, tanto, tanto, tanto, que cando hai cheas do río, en Ourense, nunca xamais se inunda casa ningunha. E tampouco en Lugo. Nin sequera nos Peares, onde se xuntan os caudalosos Miño e Sil. Que cousa máis curiosa! E saben por que é? Pois, claro, pola simple razón de que non se construíu nunca vivenda ningunha ao pé do río. Hai que prever o previsible.

Ou sexa, o río habitualmente leva a auga que leva... pero unha vez cada poucos anos, sae do leito e ocupa as terras veciñas. Os máis vellos lembran o Miño no campo dos Salesianos e na porta da capela dos Remedios. E unha vez cada moito máis anos, pois sae moito máis do sitio. Por iso se fan proxeccións multianuais polos servizos hidrográficos e non autorizan determinadas construcións ao pé dos ríos. Se se lles pide permiso, claro.

Así pois, cada vez que vexo algo que se asolaga ao pé dun río, pois quedo bastante como estou. Con pouca gana de que se gasten os meus cartos –os meus impostos- en pagarlle aos que edificaron onde o refraneiro desaconsellaba. E agora a última moda na translación de culpas é dicir que “non limparon o río”. Así, xa hai un culpable “político” que nos permite dirixir unha ollada enfadada a alguén. E, pregunto, cando na historia se limparon os ríos, no século XVII, no XIX, no XX? E hai que facelo, claro. Pero sobre todo non construír onde non se debe. Parece que a cousa non ten moita “cencia”, que dirían os vellos.

Te puede interesar