Opinión

Os cidadáns libres de Ourense

Gústanme Galicia e Ourense, desde o punto de vista electoral. Nesta esquina atlántica mandou primeiro un médico traxeado, alto, conservador, galeguista que puxo as bases da autonomía: Xerardo Fernández Albor. Despois veu un socialista, delgado, con certas dificultades de dicción, intelixente profesor de pelo alborotado, Fernando González Laxe. Despois veu o estadista-tanque Fraga. Con ilusión sobrevida, presentou ideas novas, vangardistas, como sería a “administración única” que moitos males terían aforrado ao país, pero non lle fixeron caso.

Despois dun tempo, a xente valorou que o ciclo estaba esgotado, que ía vello, que a Cidade da Cultura era un disparate e que o do “Prestige” fora mal levado, e foi enviado á oposición. Veu logo outro profesor universitario, tamén socialista e tamén algo zarabeto, Emilio Pérez Touriño, coa muleta rota de Anxo Quintana. Estiveron o seu tempo e a xente desconfiou daquel matrimonio por interese que nin parara a Cidade da Cultura e deulle o poder a Alberto Núñez. Un tipo con fama de bo xestor en Madrid que cando morreu Franco tiña catorce anos; xente nova, deste tempo. E recuncou. E nas próximas autonómicas, que vai pasar? Xa veremos. Pode que siga, pode que non. Depende do que pense a xente. O que si, xa houbo varios gobernos dun signo e doutro. Libres de escoller, así facemos sempre os galegos.

Ourense. Desde José Luís López Iglesias na transición, houbo tamén alcaldes variados: conservadores, socialistas e o Mondelo. Os que marcaron a vida da cidade foron dous. Primeiro, o socialista Veiga Pombo entre os anos 1987-1995, oito anos, comezou a humanización da cidade (Paseo peonil, Parque Miño, etc.) nun tempo no que algún concelleiro conservador con pouco ollo facía o ridículo arrincando losetas no Paseo. Despois, o conservador Manolo Cabezas, entre 1995-2007, doce anos, deulle unha volta á cidade toda. Peonalización do casco histórico, construción dos paseos do Miño e Barbaña, de aparcadoiros subterráneos por toda a cidade que sacaron os coches da superficie... Gústame, si, o que fan os meus concidadáns. Ourense, como Galicia. Unhas veces mandan uns, outras outros. Que vai pasar o 24 de maio? Depende. Do que queiramos. Somos libres de escoller e así facemos sempre os ourensáns. Unhas veces a uns, outras a outros.

Esta obviedade contrasta con Andalucía. Alí, desde a instauración do réxime preautonómico en 1978, sempre gobernaron os mesmos. Levan 37 anos pois no machiño. Un máis dos que durou Franco desde que acabou a Guerra. Democraticamente? Por suposto. Pero eu creo que nunha democracia sen alternancia, a calidade reséntese. Polas redes que se tecen de intereses. Para pescar por arriba e por abaixo. Redes sólidas, de malla fina. E con tanto peixe tápanse as cousas feas.

En Galicia enfadámonos co do “Prestige” e Fraga marchou á oposición. En Andalucía están encausados polo saqueo dos ERE dous presidentes e os políticos e sindicatos que levan no machiño 37 anos, un máis que Franco desde que acabara a guerra, e nunha actitude ultraconservadora, os cidadáns votan conservar os mesmos no poder. Non hai alternancia. Demasiadas redes de malla fina.

Sinceramente, creo que os galegos, os ourensáns, somos máis libres. Máis progresistas. Pois o noso voto foi e é útil para escoller realidades. Exercemos a democracia viva. Un deber intransferible.

Te puede interesar