Opinión

Colaboradores da expo Nós

Na expo “Galicia, de Nós a nós”, hai pezas de fóra: o impresionante Santiago de Morlaix da Bretaña; a tese de Margot Sponer, de Berlín, ou os materiais de Teixeira de Pascoaes, de Portugal. Pero como é lóxico, a maioría da documentación é galega. Vexamos a de Ourense. En primeiro lugar, foi a Fundación Vicente Risco a que máis e mellores documentos achegou. Todo facilidades para a exhibición duns materais ben conservados, catalogados e accesibles. Os cadriños de Castelao cos debuxos para Nós, os manuscritos de orixinais de artigos, os libros e revistas de intercambio, fotos, postais, etc. foron fundamentais. E contribúe a desbotar a idea espallada outrora de que Risco, co medo, queimara todo cando a guerra. Parabéns a Cecilia Pereira, que estes días colle o relevo de Luís Risco na presidencia da Fundación, con tan bo camiño a seguir. 

En segundo lugar, a Fundación Losada Diéguez, sen a historia da Risco, custodia un auténtico tesouro de papeis, fotos e libros que tamén foi posto á nosa disposición con xenerosidade. Graciñas a Patricia Torres, a súa presidenta, a Patricio N. Losada, sobriño neto do prócer, a Luís González Tosar, vogal, e a todos os que o fixeron posible.

A Fundación Otero Pedrayo, a máis veterana, achegou o seu ben máis prezado, o emblemático Mapa de Fontán, o grande cadro de Antón Pulido e un par de obxectos máis pois por circunstancias fundacionais, non custodia documentación ningunha. La Región pasounos, coma sempre, as fotos de arquivo que lles solicitamos. E desde as institucións civís todas fixeron as súas achegas de forma áxil. Así o Arquivo Histórico Provincial prestou documentación do galeguismo dos anos vinte; o Museo Arqueolóxico, pezas que aparecían xa en Nós; o Arquivo Municipal, dun par de documentos dos anos 1918 e 1920; o Museo Municipal, materiais de Julio Prieto Nespereira, e a Deputación, varios elementos dos seus fondos arquivísticos, históricos e artísticos. 

Desde o mundo eclesiástico, case todo o solicitado. Desde a parroquia de Baños de Molgas, e desde o lugar de Santa Eufemia de Ambia, grazas á mediacion de párroco e alcalde, os veciños orgullosos de deixárennos o seu Cristo Románico; desde o Museo da Catedral, outro tanto para podermos desfrutar duns esmaltes de Limoges xa citados en Nós.

Pero tamén foron as persoas privadas. A familia Cuevillas, prestounos obxectos -cinta métrica, prismáticos, etc.- que usaba o prehistoriador no monte; Xosé Lois Carrión, o neto do Leuter, a súa colección orixinal de Nós xunto cos anuncios de propaganda, parte fundamental na instalación de todas as revistas. Amador Rego Villar-Amor, sobriño neto de Amador Villar Amor, un dos máis vellos colaboradores de Nós, deixounos tamén boa parte da súa colección orixinal, para completar a anterior. Manolo Peña Rey, que andou na organización da primeira homenaxe a Castelao e á xeración Nós, en 1975, o seu cadro orixinal de Castelao dos de Pepe Conde Corbal. A familia deste artista, algunha foto moi significativa da relación entre Pepe e don Vicente. A familia de Augusto Pacheco, un par de fotos históricas para acompañar a inmensa cámara xa do avó; Angel Sabuz, da Imprenta Sanmartín, un chivalete para que acompañase unha imprenta semellante á que se usou na revista; Juan Saco, dous documentos moi interesantes, dos maios de 1917 e un número descoñecido de O Tío Marcos da Portela; Fernando Román, a súa colección de La Centuria: Rafael Salgado e a súa irmá, a caricatura en folladelata de Otero feita polo Divino Hojalatero; a miña familia, tamén algunhas cousas, sobre todo libros. Buciños, unha escultura. En fin, non houbo porta na que petáramos que non se nos abrise. Non por nós, comisarios en minúscula, senón polo nome maiúsculo e que invocabamos, Nós.

Te puede interesar