Opinión

Datas de Filgueira en Ourense

De partida, Filgueira Valverde, fillo dun médico de Pontevedra e dunha señora andaluza, non tería moito que ver con Ourense. Pero a conexión dos amigos fixo que contase Ourense entre as cidades visitadas con frecuencia. Desde os tempos do Seminario de Estudos Galegos ata os tempos do Consello da Cultura Galega. En certo sentido, Filgueira cumpriu en toda Galicia un papel como o de Xoaquín Lorenzo en Ourense: ser custodio da memoria e enlace cos tempos antigos. Á parte doutros, claro. Por iso veu a Ourense a pronunciar numerosas conferencias –lembrámolo no Liceo, na Caixa...- sobre as memorias de amigos ou mestras: Alvaro Cunqueiro, Blanco Amor, Losada Diéguez, etc. Imos sinalar uns cantos fitos desta vizosa relación que podería dar mesmo para unha monografía, artigo, charla ou exposición.

Filgueira e os galeguistas de Ourense comparten indutor. Foi Antón Losada Diéguez, culto fidalgo católico de Moldes (Boborás), o que atraería aos integrantes do grupo Nós cara ao galeguismo desde o Instituto de Ourense, alá mediados os anos dez, e despois, a Filgueira, dun xeito semellante cando xa era docente en Pontevedra. Compartiron mestre, pois.

O 12 de agosto de 1927, Filgueira visita Ribadavia e Francelos –daquela aínda pertencía a diócese de Tui- e estuda a Igrexa Prerrománica que publicará logo na Revista Nós, en febreiro de 1929, a primeira noticia seria deste monumento.

O 14 de xaneiro de 1934 participa na asemblea do Partido Galeguista, onde deixa as súas responsabilidades organizativas para pasar a un segundo plano; pouco despois marchará del en desacordo coa alianza co Frente Popular e coa viraxe á esquerda do partido.

O 7 de novembro de 1949, unha conferencia de Filgueira, “La lírica gallega en siglo XIX”, foi o pistoletazo de saída das actividades ao redor do Centenario de Lamas Carbajal, organizado por unha comisión promovida polo plural galeguismo ourensán, coordinando os centros de América –Buenos Aires e La Habana- e institucións públicas e privadas. O conferenciante foi presentado por Otero Pedrayo, na súa primeira intervención pública, seguramente, desde a guerra. Deixemos a crónica de La Región do día seguinte fale por nós:

Hizo la presentación del conferenciante, don Ramón Otero Pedrayo que, al levantarse a hablar, fué acogido con una ovación que duró largo rato. Hecho el silencio, el señor Otero Pedrayo, con frases bellísimas, de una emoción que contagió al auditorio, presentó al señor Filgueira Valverde, destacando la magnífica obra que viene realizando en sus trabajos de investigación. Los aplausos dedicados a la estupenda presentación se fundieron con los que acogían al conferenciante, quien comienza diciendo que el azoramiento que le produce el hablar después de la magnífica página oratoria de Otero Pedrayo, el alzar su voz de discípulo en esta sala donde vibra aún el eco de tantas palabras magistrales, lo da por compensado con el placer de haberle escuchado y de verse aquí, entre este público y en este ambiente cordial de Orense...

O 17 maio 1972, con motivo de dedicárenlle as letras galegas a Valentín Lamas Carbajal, Filgueira fará unha fermosísima exposición sobre Rosalía e Lamas Carvajal na sesión pública da Real Academia que terá lugar no Paraninfo do Instituto do Xardín.

No mesmo escenario, o 30 de outubro de 1993, a RAG celebrará outra sesión na que ingresará na institución o seu actual presidente, Xesús Alonso Montero. Filgueira Valverde, fará o preceptivo discurso de resposta.

En fin, tamén saiu hai uns anos, en 2009 publicado polo Museo de Pontevedra, o interesantísimo epistolario cruzado entre Otero e Filgueira que vai desde os anos vinte a poucos meses antes da morte do ourensán en 1976, e conta cun fermoso e interesante estudo de Ramón Villares. Hai material. Hai tema.

Te puede interesar