Opinión

A derrota do soldado de Nápoles

Opinión

A derrota do soldado de Nápoles

Dcíalles o día pasado que o “Soldado de Nápoles”, a gripe, chegou a Ourense a principios de setembro de 1918; que desde o cuartel de San Francisco se espallara por toda a provincia. Un texto do Tío Marcos da Portela do día 7 de novembro, “Parolas formás d’o Tio Marcos”, fai unha crúa análise da situación na provincia. “O andacio gripal estarricouse pol-o agro o mesmo que unha pingada d’aceite sobor d’un papel de estraza. Os pobres labregos víronse, supetamente, agarrados po-la invisibre mau d’a peste, que os guindou n-o leito. Pasaron as horas de infinita angústea á espera d’o médeco que, lonxe e soilo, non poido acudire co’a dilixencia desexada. Dispoixas, houbo que mandar á vila pol-a meiciña. A vila lexana e cara. Os cartiños que se tiñan en garda pra tiral-a cédola e pagal-as contrebuciós, sairon d’a bulsa e trocáronse en xaropes. Os eidos quedaron abandonados. O gando apañou n-a corte canto d’o estrume era aproveitable. (...) A peste correunos a todos; d’unha chouza pasou á outra, e d’un pobo, autro pobo”. O artigo, a continuación, volve contra a xestión caciquil da doenza por parte das autoridades que se conforma con facer partes diarios desde os concellos. Digno de ler. Xa lles digo, en Galiciana. 

Nas “Páxinas de loito” dáse conta da suspensión dos actos públicos: “Prohibida a festa de defuntos n-o cemiterio a causa d’a enfermedade reinante, deixamos iste ano de render o acostumado trebuto de imperecedeiro recordo car’o noso ilustre fundador, o meigo bardo Lamas Carvajal”. Tamén se sinalan as mortes principais, entre elas a do director dos salesianos de Ourense, Francisco Pages Casanova (“Home xoven, de vasta ilustraceon, autivo e adornado de inmillorables condiciós pr’a insinanza”). 

Pero tamén se empezaba a ver a saída ó túnel. En “Casos e Cousas”, sinálase: “Afortunadamente, a epidemia gripal vai fuxindo d’o noso eido deispoixas de faguere non pouco dano”... para, a continuación, volver retranqueiramente contra os bulos: “C’o gallo d’iste condanado andacio houbo un verdadeiro derroche de literatura médica e son contados os veciños que non espetaron n-a prensa algunha ideaíña salvadora pra combatir ou gardarse d’o mal”. E mesmo pon algún exemplo: “Un amigo d’os nosos compañeiros d’a Rexión escribiulles pra lles dal-a noticea de que a gripe é debida ó uso d’o pescado. Conformes. A proba é que ela escomenzou n-os cuarteles onde... non se proba peixe; e fai a rabia n-as aldeas onde... tampouco se proba. Non ten volta. É o uso d’o pescado”.

E mesmo, nas súas ironías sobre o asunto, inclúe unha copliña: “As autoridás d’o agro, c’o gallo d’a epidemea autual, falan todas d’o mesmo xeito: ‘Necesitamos deinfeutantes, meiciñas e médecos’. O que mostra que en España/ d’o Estreito hastr’os Pirineus/ hastra pra “espichala” temos que percurar Cirineus”.

No nº do 21 de novembro, no “Capítulo de manifestaciós” dá conta do público agradecemento ó gobernador civil e ó bispo, no que participaron as autoridades locais, entidades e particulares. Por certo, nas “Páxinas de loito”, dáse conta que faleceu de grippe, Xan Taboada Tundidor, fillo do presidente da Deputación. Pero a cousa está vencida. No nº do 7 de decembro, xa sen “Páxinas de loito”, hai na sección “Casos e cousas” un explícito recoñecemento ó máis novo do sector sanitario: “¿Poderíalle dicir alguen ó TÍO MARCOS qué se fixo pra premear d’algún xeito os eiscelentes e desentresados sirviceos que durante a epidémea gripal prestaron os alunos de Meiciña? (...). As nosas colunas están á desposición do quen-as queira honrar pra faguer lus n’iste asunto”.

Para eles, tamén, os nosos aplausos, 102 anos despois.