Opinión

Día da cabra

Acabo de ler que onte –ou sexa o mércores pasado- Coren festexou o Día do Ovo. Nada máis xusto. O ovo é algo central nas nosas vidas. Se cadra festexamos o Día da Árbore e non plantamos máis de media ducia, pero ovos comemos varios todas as semanas. E en Ourense son parte economicamente importante da produción das granxas da provincia. Esas que, non me fartarei de insistir, moita máis fame sacaron que os disparatados discursos animalistas. Tamén os ovos das pitas da casa son importantes, e moito, para esa rede elástica tecida de amizades que tanto che regalan uns ovos da casa como uns tomates, figos ou grelos nos seus tempos e sazóns respectivas. “Son da casa” é unha marca anfibolóxica que conviña rexistrar; valería tanto para música autóctona como para produtos agrogandeiros de produción ecolóxica para o agasallo.

Día do Ovo. Si señor. Pero é que ademais, convirán comigo, hoxe hai días para todo. Se cadra ata hai inflación deles. Cando este seu seguro servidor era novo só había o Día da Nai, o do Pai, o da Virxe de Fátima e o da Raza, que era como na Enciclopedia de Álvarez lle chamaba ao 12 de outubro. Despois empezaron a aparecer outros complementarios para cousas das que conviña turrar. Día da Árbore, Día de Galicia, Día das Letras Galegas... e logo Día da Constitución, Día dos Dereitos Humanos, Día da Muller, Día da República... e logo, máis alá, días para cada unha das enfermidades, oficios, causas, etc. Non hai, que eu saiba, Día do Home, nin Día da Monarquía, nin Día da Banca. Non sei por qué. E iso que a algunha destas cousas ben lle cumpría. Do resto hai de todo. E se non chegan os días, importámolos. Seica estes días novos moven o comercio. Non ben desmontan os escaparates do verán e xa montan os de Halloween. Así que os saquen, xa veñen os do Nadal co obeso roxibranco. Ao que lle seguen, sen descanso, os da cachucha do Entroido. En fin, parece que non hai días normais. Todo é véspera ou día de festa. Eu xa me perdo.

E o outro día coincidín, eu despistado, cunha miña amiga tamén despistada nunha cola. Ela dicíame que o luns non había clases. Eu pregunteille sorprendido “e logo?”, e ela, que viviu moitos anos fóra de España, tan lista e espabilada como exenta de malicia, contéstame vacilante: “É o día da cabra”. “Da cabra?”, pregunto eu sorprendido. “Si, o día ese que os lexionarios pasean unha cabra pola Castellana, en Madrid”. “Ahhh. Si -respondín, o Día de...” e non sabía ben como se chamaba. Xa dixen que na Enciclopedia Álvarez lle chamaban o Día da Raza pero o nome, claro, caducou, e despois seica foi o Día da Hispanidade –dito sexa de paso, o nome que máis me gusta, polo que supón dun día de festa e conexión cultural co noso mundo americano- e logo non sei se lle puxeron Día Nacional de España ou algo así, para contraprogramar os días das autonomías que se non son dezasete é porque algúns coinciden entre eles.

“Día da cabra” parece que non é nome que vaia perdurar máis alá das risas que botamos no momento; eu por non saber que se aproximaba o festivo, ela por non saber como se chamaba o día. De todas formas, non é nome feo. Non sei se estará ocupado.

Te puede interesar