Opinión

O discurso do Rey e a enerxía eólica

O rei Filipe VI –que raro se me fai aínda- non falou no discurso de fin de ano da enerxía eólica, pero quere usala. A ver se me explico. Cando sopran ventos –aínda que sexan de cambio histórico- din os chineses que hai xente que se pon a construír muros e outros a facer muíños. Ou sexa, que uns tratan de frear o vento, e ás veces pódese parar un chisquiño como nos ensinan os paraventos que usan nas praias portuguesas, pero non moito como tamén sabemos; ou pódese tratar de aproveitar a súa enerxía e conducila para algo útil, na boa dirección. Porque a forza bruta do vento, descontrolada, non vale para nada. Son eses aires que en vez de secaren a roupa, tiran con ela. Ou cousas peores, que xa teñen nomes que asustan, como “cicloxéneses explosivas” ou furacáns. Así pois, na súa posición de rei novo, casado cunha profesional moderna, áxil, que vén do mundo común, dese do sangue roxo que non azul, decídese pola opción muíño que non muro. Nada de “encastelarse” entre os muros do Palacio. Ou o que é o mesmo, pensa en erguer as velas e aproveitar os desexos de cambio de ruta, de novos portos e novas estratexias, para conservarmos o barco no que todos imos vivindo. E para iso no discurso fala dos problemas e actúa –está aprendendo a falar con distintos entoacións, poñéndolle alma no que di- como indicando camiños que lle gustaría percorrésemos. Así, á irmá, loxicamente, nin mentala.

Pois seguindo co vento e coas analoxías mariñas, a mensaxe é unívoca: cada pau que aguante a súa vela. Tamén o traspaso do pai á zona escura –nin se sabe onde anda o vello Juan Carlos, parece que o deben controlar para que non ande de caza ou tropezando e caendo por aí-. A min, a verdade, gustaríame que lle puxese un punto máis de optimismo nas súas palabras, pero, tamén entendo que a sociedade está suficientemente enrabechada –se cadra de máis- como para que non tomase a ben a maioría social unha posición que puidese ser entendida como liviá ou descomprometida. Creo que o rei, desta vez, volveu avanzar un pouco na estima social, dentro desa realidade que comentaba ou outro día un humorista gráfico ao comparar o discurso, e os discursos anteriores de seu pai, coa lotaría de Nadal: todos quedamos como estabamos. Pero é que un discurso destes, formais e de saudación e bos desexos, non pode ser moi diferente, déao quen o dea. Grandes liñas etéreas. Importantes, pero difusas. É rei, non presidente do goberno, nin de autonomía, nin de deputación nin de concello. Que son os estes os que deben mollar os pés nos camiños enlamados do presente.

En fin, o que máis me gustou desta vez foron as dúas palabras do final, esa chiscadela de ollos á pluralidade que fixo que quedasen ecoando nos oídos de todos os millóns que o escoitaron, esas dúas fermosas palabras nosas: Boas festas. E xa saben, os desexos do rei, hai que cumprilos. Así que boas festas para todos e un marabilloso 2015.

Te puede interesar