Opinión

Dúas ideas feijonianas, baratiñas elas

Que me perdoe todo o mundo, pero cando falo de “feijoniano” penso no Padre Feijoo, non no presidente. Iso que se un é dos Peares e o outro de Casdemiro, a uns cinco ou seis quilómetros, se cadra tiñan antepasados comúns. A verdade, tanto me ten porque a xenealoxía véxoa complicada e inútil. Simpática, poida que tamén.

En fin, este ano 2014 é o douscentos cincuenta aniversario –direillo en cardinal como se fose o cuarto ou o quinto: ducentésimo quincuaxésimo aniversario- da morte de Frei Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro. Así que lle vou dar un par de ideas baratiñas ao excelentísimo concello. Se cadra co mesmo resultado que a de podar as árbores para deixarnos ver a estatua. Na nosa Casa Grande da Praza Maior entretéñense máis que coas páxinas de colaboradores deste xornal que lle sopramos cousas á orella, con esas cousas de xuíces, faltas de xuízo, discolidades, préstamos para cornos, sobres que se ripan ou non, etc. E neses temas, perdoen, escasea a “ilustración”.

En fin, que como é a data que é, cómpre ter algo de lembranza co sabio ilustrado; o intelectual máis importante da España do momento. Imos ao tema.

Unha das parvadas -hai varias- que poñen os letreiros novos dos nomes das rúas refírese ao Padre Feijoo. Cousas de protocolo e ilustración, ás veces, malas de casar. Explícome. Se vostedes din que Castelao naceu en Coruña; Curros, en Ourense, ou que Roberto Verino ten adegas en Ourense, vale. Pero se afirman que Castelao naceu en Rianxo, Curros en Celanova e Roberto Verino é adegueiro en Verín, concordarán en que está mal que o Concello reduza, no letreiro posto ao enfronte da Viuda, ao Padre Feijóo a mero “difusor da ciencia e pensamento europeo” e, sobre todo, que diga que é “nado en Ourense” cando todos –cría eu- sabemos que viu a luz en Casdemiro, parroquia de Melias, concello do Pereiro. Ademais, a denominación de “Jardinillos del Padre Feijoo” nunca foi -nin é- oficial, aínda que sexa a popular para a praza de Euxenio Montes. En fin, o letreiro está mal e cumpría arranxar o tema.

A outra meción urbana do crego vén da rúa que leva o seu nome, onda o Instituto Otero Pedrayo. Foi aberta a mediados do XIX en terreos doados pola familia Valencia e ao principio, de seu, os veciños deron en chamarlle “Calle Ancha”. Na reforma do nomenclator de 1861 outorgóuselle o nome de “Calle del Padre Feijoo”. Pero nunca tivo placa digna; na actualidade só dúas feuquiñas de granito con letras de latón pegadas nas que pon “Rúa Xerónimo Feixoo” onde esquecen, ademais, do primeiro nome, Benito, a dignidade eclesiástica que vai ligada á súa persoa. E se o Concello outra cousa non fai polo Padre Feijoo -tan amado polos cultos munícipes do XIX, que erguían estatuas exemplificadoras de prohomes e promulleres da ciencia e cultura, e non de homenaxes a tan dignos como simples oficios populares, como leiteiras, castañeiras, etc.-, podía, digo, encargar unha placa de bronce bonita, como a de Lamas Carbajal, de Malingre, e colocala nunha parede da rúa Padre Feijoo o día que se cumpra o aniversario da morte. En setembro. Escultores en bronce hainos e bos. Non é caro e dá tempo. E ser, élles moito máis ca nada.

Te puede interesar