Opinión

Educar para a guerra, educar para a paz

Pregunta. Por que en Alemaña despois do trauma que sufriron na II Guerra Mundial, no que morreron uns seis millóns de alemáns -lembren o salvaxe bombardeo de Dresde, por exemplo-, por que despois de perderen 70 mil quilómetros cadrados do seu país e vérense desprazadas 14 millóns de persoas, non odian aos vencedores? Por que o Xapón que perdeu na guerra 3,6 millóns de habitantes e que recibiu as dúas únicas bombas atómicas lanzadas no mundo, non odia os Estados Unidos? Por que?

E como foi posible que un par de décadas despois de acabada a guerra, digamos 1965, toda a xuventude europea fose construíndo a súa propia cultura popular horizontal, de hippies, viaxes, minisaias, contestación, Beatles e Stones, independentemente do que fixeran seus pais ou avós, vinte anos antes?

Como saben, xunto cun lixeiro proceso de desnazificación, houbo axiña unha integración europea soñada polo francés de raíz xermánica Robert Schumann. Desde a Comunidade do Carbón e o Aceiro en 1950 chegamos á actual Unión Europea, a interrail, ao euro e aos programas Erasmus de intercambios entre estudantes de todas partes. Para debuxar o futuro, ás veces, cómpre empastar en branco o lenzo da historia.

E como foi posible? Pola educación. Simplemente. Non porque houbera materias específicas -que agora parecen ser a panacea- senón porque se promoveron novos valores. A maioría dos alemáns, logo da derrota, coidáronse de non inxectar o odio e desprezo que aniñara nas súas cabeciñas cando a época nazi, e máis ben sentiron vergoña do que empezaran e das consecuencias que trouxera. E baixo a batuta occidental -norteamericana para ser específicos- proporcionouse aos mozos unha educación que, á parte de cultivar o esforzo e asunción de responsabilidades na propia vida, promoveu a tolerancia, a comprensión e a empatía. Inculcáronse valores de respecto e promoción do diálogo intercultural como pasos indispensables para construír novas e sociedades pluralistas que hoxe temos en Europa.

E ocórreseme esta reflexión á raíz de ler varios informes e ver varios vídeos sobre a educación dos nenos e nenas palestinos. É significativo o espazo que na carta fundacional de Hamás se dedica a trazar as liñas da educación e ao rol da muller. Léana. E dese control férreo da educación que fai Hamás desde 2006 como unha aprendizaxe para a guerra, veñen estes lodos terribles. Problema engadido é que tamén nas escolas baixo mecenado das Nacións Unidas, da UNWRA, os materiais que se usan e os “modelos” son os mesmos, pois botan man dos recursos e sentimentos locais: a glorificacións dos “mártires” incluso con “estampiñas” para que coleccionen os nenos, a insistencia no odio ao xudeu e a conveniencia do seu exterminio e á eliminación de Israel dos seus mapas... En fin, escoitei como un neno de oito ou nove anos cando lle preguntaban que lle ensinaran aquel día na escola, contesta: “Que debemos sacrificarnos e facernos mártires e todos debemos protexer a nosa terra e ter os nosos dereitos, e que coa axuda de Alá todos os xudeus morrerán”.

En fin, creo que ten mal arranxo a cousa, porque non é un caso illado e parte do mundo musulmán -incluso entre os israelís desa fe- están nun semellante proceso de radicalización e coas súas estratexias comunicativas exitosas: Al Quaeda, Daesh, talibáns, Estado Islámico, Boko Haram, Al Shabab, ayatolas iranís, rebeldes huties e, claro, Hamás e Hizbullá. Todos berran “Allahu Akbar”, terán diferenzas entre eles, pero comparten a oposición aos valores occidentais e o odio a Israel. Por iso eran tan importantes os Acordos de Abraham, que tiñan o pecado orixinal de seren feitos de costas á Autoridade Nacional Palestina. En fin, a escola, a educación das xeracións futuras, é a clave. Pero mal o vexo.

Te puede interesar