Opinión

Se eu fose alcalde (3)

A verdade é que non sei cantos artigos terá esta guadianesca serie de “se eu fose alcalde...”. Como lles dixen, son só unha serie de ideas destinadas a poboar ese éter común que nos circunda. Así, aí suspendidas, non teñen dono, como o aire ou o vento ou as augas subterráneas, e calquera pode coller o ganapán e apañalas como bolboretas e dicir esa frase tan recorrente e simpática “iso xa se me ocorrera a min”... que todo pode ser. E todos contentos. Porque o importante é que se reflexione sobre o noso comunal e que as cousas se fagan. Pecar por comisión é sempre máis interesante -e rendible, incluso electoralmente, xa verán- que facelo por omisión. Vamos ver, os embalses, fóra excepcións como Castrelo de Miño, estiveron ben feitos no seu momento para posibilitar a electrificación do rural e o despegue da industria. E isto é así, gobernase daquela Franco ou Diego Martínez Barrio, presidente da II República no exilio, entre 1945 e 1962. 

Así pois imos cunha idea: un aparcamento subterráneo debaixo do Xardín do Posío. Fíxéronse debaixo de María Pita ou da Palma de Baiona, ou do Parque de San Lázaro e a Diagonal de Ourense, e logo das obras, todos contentos. O problema máis grande que ten para min a nosa urbe é a xestión da nosa cidade medieval que, non como insulto, podemos definir como “casco vello” ou máis ben “putrefacto”. Certo que en moitas cidades hai unha zona marxinal no interior –tipo Barrio Gótico ou o Rabal de Barcelona- por canto modernidades hoxe imprescindibles como o ascensor, aparcamento, supermercados, etc. non teñen acubillo fácil nas zonas históricas, e estas están poboadas de vellos velliños que son substituídos polo abandono e a ruína ou a ocupación marxinal. Habitualmente, pois en poucos pero interesantes casos como semente, por apartamentos modernos. E para revivilas, temos que buscar espellos que funcionen e contar coa iniciativa desas empresas especializadas que xestionan carteiras de clientes interesadas nas rehabilitacións. Porque sabemos que o apoio da iniciativa pública, por suposto imprescindible, non é garantía de éxito: a decrepitude da promocionada rúa de Colón como “rúa dos artesáns”, está aí. Por outra banda, xa vimos como a chegada do AVE pode alterar a nosa vida. Xentes de toda Galicia veñen facer noite a Ourense para emprenderen viaxe celo a Madrid ao día seguinte e estaren alí pouco despois das oito e media, dispostos ás xestións. E a chegada de visitantes do “alén Padornelo” xa a vimos no verán e no Entroido.

 Total que, como temiamos, colleunos o touro, coa cidade “sen preparar”, polo que cómpre endereitar o tema. Unha vez que a cidade chegou ao Miño, rebota a onda e volve, aos golpes, sobre si mesma, pois non é lóxico seguir expandíndose en extensión deixando ocos abandonados no interior. E como moitos dos atractivos turísticos da cidade –Viños, Burgas, Catedral, Praza Maior, termas (no seu día), Museo Arqueolóxico (no seu día)- están encravados nesa cidade vella, o razoable que os elementos máis dinámicos da parte viva da urbe volvan os seus ollos sobre a parte decrépita da que vimos e “apadriñen”, “invistan” nela. E para iso, á parte de axudas, facilidades e flexibilidades construtivas é conveniente achegarlle servizos públicos, pois os privados están xurdindo de seu. E un aparcamento por baixo do Xardín do Posío -un dunha parte del- podería axudar moito a turistas, posibles moradores, ou visitantes do instituto ou oficinas da zona. Non lle vexo contraindicacións. 

Te puede interesar