Opinión

Se eu fose alcalde (I)

Aínda que falten, máis ou menos, cinco meses para as eleccións municipais do 28 de maio -seguramente as que máis lle interesan aos cidadáns por seren as máis próximas a eles- creo que podo afirmar con bastante seguridade que o día 6 de xuño, vinte días despois do acto electoral que é cando se constitúe a nova corporación, o candidato escollido entre os edís para o posto de alcalde, e por unha serie de circunstancias que sería excesivo enumerar porque están bastante claras para o avisado lector e sobre as que non é preciso darlle máis voltas, pois non serei eu. Como o oen. Si. Non serei o próximo alcalde de Ourense. A verdade é que estiven tentado a facer pública a miña presentación como independente o pasado día 28 de decembro, por iso de botar unhas risas, pero como o día xa estaba ocupado coa presentación -esa si, en serio- da candidatura do actual rexedor, sr. Gonzalo Pérez, pois non era cousa de contraprogramar. Así pois, todos contentos. Cada un ao seu, como en Ribadeu. Aquí paz e despois gloria.

E desde esa práctica certeza, pois voulles dar a todos os que opten ao cargo unha serie de ideas para que, se lles prestan, compartan, transformen en iniciativas, en propostas e logo en realidades. Si. Todos debemos arrimar o ombreiro e cada un dunha maneira. E este enfiador de palabras, pois nada mellor pode facer que esparexer, espallar, ciscar, lanzar ao aire algúns fíos, algunhas las soltas, algunhas pombas de xabón para que quen teña a reponsabilidade e capacidade poida usalas con plena propiedade, como as castañas que se apañan no camiño ou as setas no monte, para o que mellor servizo lles faga en pro do ben común.

Se eu fose alcalde, o primeiro convidaría a facer un churrasco aos exalcaldes Gonzalo Pérez, Jesús Abad, Paco Rodriguez, Marga Martín, Manuel Cabezas, Jorge Bermello, Luís Mondelo e Manuel Veiga. Nada de móbiles, fotos ou publicidades. Con reserva, non con segredo. Partimos nós da idea de que o corazón e o estómago están a menos dunha cuarta, e que simposio significa beber xuntos. Así pois, unha mesa distendida e compartida entre todos os rexedores achanzaría camiños de relación e poderían pór as súas experiencias en común. Un, mellor varios, porían o viño; outro a carne; outro os criollos; outro a ensalada; outro os chupitos; outro estaría na brasa, todos xuntos ao redor da parrilla, de pé, sen parellas fixas. Conversando aquí e alí, sen máis. 

A segunda cousa sería outro churrasco con toda a corporación -a escote, claro- dous días despois da elección de alcalde. Vinte e sete son moitos, pero cantidade controlable. Como nas ceas de empresa, como nas comidas de traballo, como nas xuntanzas familiares, mellor non falar de política, relixión ou saúde. Así se establecerían os lazos humanos precisos.

O terceiro churrasco -aínda que nos acusen de churrascócratas- sería cos xefes de servizo do Concello, para o mesmo fin. E logo, tamén, máis adiante, no San Martiño, con todos os empregados todos do Concello. 

A cuarta medida sería ordenar, por suposto, a reposición da coroa nas aguias que fan de remate metálico da fonte da Praza do Ferro que un día chimpou un camión da vasura e ninguén dixo nada. Aguia e coroa, dignidade imperial e cidadá recuperada e compartida, e non voitres ou gaivotas que é o que parecen hoxe. E despois de “mollados” os contactos nas esferas política e funcionariais precisas, e reposta a digna coroa do mando, a traballar nas cousas que proximamente lles indicarei. Bo ano 2023. 

Te puede interesar