Opinión

Euro-hooligans e pelotas

Quen o diría, pero conto entre os meus familiares un dos mellores xogadores de España dos anos vinte, estrela do Real Madrid, Juanito Monjardín. Un día faloume del Torrente Ballester en Baiona. Foi abandeirado contra a profesionalización do balompé, pois dicía que o fútbol era un xogo, un deporte ao que debían dedicarse durante uns anos de mocidade, para despois demostraren que tamén se sabían gañar a vida doutra cousa. El era enxeñeiro industrial e corredor de bolsa. Os do nacente sindicato de futbolistas acusábano de señorito. Seguramente. Desencantado, cando empezou iso de cobrar por xogar, deixou o da pelota. En fin, estes días andan en Francia a xogar. Unha ducia de homes danlle patadas a unha pelota para metela entre tres paus e outra ducia trata de que non lla metan e metela eles na parte contraria. E cando a meten, uns choutan e outros choran e igual fai o público, segundo as súas preferencias. Simpático. Pero o problema é cando o xogo, cos seus valores positivos de esforzo, colaboración de equipo, solidariedade, etc., deixa de selo e pasa a ser outra cousa. E hoxe, creo, é sobre todo outra cousa. Válvula de escape de emocións sociais, química de adrenalina, testosterona para consumo popular, substituto da relixión e das teogonías, negocio inmundo de compravenda -alugueiro, cando menos- de seres humanos de luxo, e cousas así. E promoven a cultura do engano -tirarse á herba para confundir ao árbitro- e a maleducación: cospen no chan... Moita cousa fea.

E o comportamento dos hooligans é para nota. A palabra nace en Inglaterra a finais do XIX. En 1891 representouse unha obra “The O’Hooligans Boys” na que retrataba unha familia de violentos pailáns irlandeses, de onde naceu unha tira cómica ao ano seguinte para os xornais co nome da familia, e de aí, fíxose popular a palabra para calquera grupo violento e capitidiminuído. Antes de finais do XIX século xa se estendera para referirse as revoltosos ou disidentes políticos en Europa oriental. E cando vexo na televisión a todos eses mozos berrando, choutando, pelexando e bebendo cervexa, pregúntome inxenuamente, e logo esta xente non ten que traballar? Son millonarios? Daranlle permiso nos seus choios? Son parados? Estarán de baixa? Collerían vacacións? E eses nenos que acompañan aos pais, non teñen escola nesta época de exames? O que me dá o corpo é que a maioría dos que van desde Rusia, Inglaterra ou desde onde sexa, o que menos lles interesa é o fútbol. A maioría dos hooligans ingleses son partidarios do brexit, seguro. De feito só unha minoría entra nos estadios. E a maioría dos que van, claro, ao lío, á gresca, a ver quen ten máis pelotas (ou máis aserrín na cabeza, que é o mesmo). Como o coruñés ese que foi a pé feito a Madrid e acabou, pobre, no Manzanares. 

Cando viaxei a Israel, hai anos, fixéronme ducias de preguntas antes de embarcar no avión para comprobar que non lles era eu un perigo potencial. Non se poderá, claro, pero non estaría mal facerlle preguntas semellantes aos que van ás cousas esas do balompé a Francia e pedirlles papeis. Onde traballa? Permiso por escrito. Copia da declaración da renda. Certificado do hotel pago -a min pedíronmo para ir a Brasil-. Certificado de penais. Permiso do xefe de estudos correspondente para que se ausenten os seus fillos en época de exames, etc. etc.

Claro que se os ídolos son uns tipos que cando marcan un gol urran como os gorilas, pois moito non se lles pode pedir. En fin, que gañe Islandia.

Te puede interesar