Opinión

Herdeiros do galeguismo

A verdade é que as herdanzas inmateriais son ben difíciles de repartir. Sobre todo as de ideas. Así os herdeiros de Mahoma poden ser sunís, xiís, etc. e os de Cristo, católicos, ortodoxos, coptos, caldeos, nestorianos, maronitas e dun cento de ramas protestantes. E todo isto pasa porque unha vez defuntos os da idea primeira, a interpretación das vellas palabras é libre e o falar non ten cancelas. E así, moitos dos seus intérpretes, collendo tal ou cal parágrafo, considérase os herdeiros “auténticos” e aos outros, desviados e inimigos. E si, as cousas son complicadas, si. Quen é herdeiro de Roma? Italia? Os que falamos latín podre? Os dos terreos que ocuparon? E da filosofía grega? E da ilustración?  E de Marx? En fin, creo que todos somos herdeiros de todo o pasado, do bo e do malo,  que foi o material co que se construíu o presente. 

E é curioso como hai herdanzas polas que todos pelexan e outras que ninguén quere. Así, ninguén se declara “seguidor de Franco”, por exemplo, e enche as paredes cos seus retratos ou adora a película “Franco, ese hombre”. Por sorte, claro. Pasou o mesmo con Pinochet. Non hai un partido pinochetista en Chile. Outras ideas coxean máis dese pé. Chámese peronismo na Arxentina;  ou comunismo en Corea do Norte, onde van pola terceira xeración; ou laicismo, como o réxime sirio que vai pola segunda... En fin, moitos partidos reclamábanse marxistas, leninistas, maoistas, mentres que a dereita aparece máis voluble pois non invoca persoas senón adxectivos abstractos, tipo “liberal”, “conservador”, ou así.

E o galeguismo? Pois os galeguistas de antes da guerra eran moi diversos. Porque nun momento en que por inercia da construción do estado no XIX non había ningún ollo administrativo nin político sobre nós, só a “forza do amor” ao propio facía xurdir a idea de Galicia como un lugar de referencia e vida común, algo ao que moitos sentimos nación. A Coral de Ruada, por exemplo, desde 1918; Rosalía de Castro, Curros, Pondal e Lamas, desde moito antes;  ou os das Irmandades da Fala ou os investigadores do Seminario de Estudos Galegos -desde algo despois-  foron formas dese amor a aspectos diversos dunha idea-patria soñada.

E o nivel político sempre foi o máis retrasado. Que a fundación do Partido Galeguista, fose o seis de decembro de 1931 significa, para empezar, que desde que chegou a II República, aínda tardaron oito meses en parir un partido polo que os deputados galeguistas nas Cortes Constituíntes foron elixidos nunhas candidaturas unitarias e non baixo o rubro dun partido concreto. E o Partido aínda durou menos que a República pois desde a alianza coa Frente Popular e o abandono -útil- da neutralidade na política estatal, esgazou en dúas metades que se respectaron e colaboraron. Lean o cariño exemplar conque Castelao e Bóveda tratan o tema.

Mais os seus desexos básicos prenderan: a campaña polo Estatuto Galego de xuño de 1936 fíxose sen ningún partido pedindo o voto non. A iniciativa galeguista asumírona progresivamente, todos, dereita e esquerda. Por iso hai unha TVG e un Parlamento monolingües. E logo da guerra os supervivientes tiveron a intelixencia de non teimar na reconstrución dun partido que durara unido a penas corenta ou cincuenta meses.

Nin o actual e minúsculo PG, nin moito menos o BNG -ben lonxe en ideoloxía e comportamento do histórico PG- poden invocar seren os seus herdeiros preferentes. Na miña idea, o único e verdadeiro herdeiro do Partido Galeguista, xa mito de orixe común como Rosalía, é esta concreción do traballo iniciado por eles, en algo que política e administrativamente chamamos Galicia. Maior gloria, maior éxito, imposible. Galicia, a herdeira. Iso si, o que fagamos no futuro con este legado é só responsabilidade dos do presente, de cada un de nós.

Te puede interesar