Opinión

Inflúen tanto as deputacións?

As deputacións funcionan, en boa medida, como fornecedores de servizos municipais con especial atención aos concellos con menos recursos, por iso manexan moito diñeiro e poder, pero a súa influencia nas eleccións municipais non é tanta como se poida crer. Os votos nos concellos están moito máis dirixidos a recoñecer capacidades de xestión e bo goberno local, intermediación e captación de recursos alleos (Deputación, Xunta, Goberno central, proxectos europeos, convenios...) ca a valorar quen dirixe outras institucións fóra dese ámbito municipal. Incluso o partido ao que pertenza o rexedor é cuestión secundaria. Cando elección tras elección gañan os mesmos equipos no Barco, Allariz, Beariz, Parada de Sil, A Peroxa, Quintela de Leirado, O Pereiro, Entrimo ou Boborás, por exemplo, é que os veciños están contentos co que manda. E hai que esperar a casos de desacougo e escoller ben as alternativas para que os veciños se decanten polo cambio. Como en Ribadavia, por exemplo. Ou Baños de Molgas, onde a maioría absoluta pasou do BNG ao PP. Pero o habitual é a inercia. Se a xente está contenta, que sigan os que están. Non ten moita volta. Repasemos datos. 

No conxunto de España, a subida popular foi do 8,91 por cento, partindo dun nivel baixo (22,62); entrementres, no conxunto de Galicia foi esa suba do 5,06 pero partindo dun nivel alto, (33,39). Pola súa parte, a caída en España do PSOE foi á penas dun 1,26 por cento, mentres que en Galicia foi case o triplo, o 3,68. O PSOE de Galicia retrocede, á parte de en votos absolutos, en poder territorial ao perder Ferrol, Santiago e a Deputación de Pontevedra. 

Entrementres, o PP ten dúas grandes vitorias por maioría absoluta: Deputación de Pontevedra e Ferrol, acompañadas de importantes avances que o sitúan como primeira forza local en Santiago (subida do 8,52, +3 concelleiros), Pontevedra (subida do 8,85, +2), Coruña (6,20, +3), Lugo (o 11,66, +2), en calquera caso, sen posibilidade de formar gobernos. Incluso no imposible caso de Vigo, o PP sobe un 4,87 por cento e suma 1 concelleiro máis, ata 5.

E Ourense? No conxunto da provincia, a suba foi de 2,35 puntos, fronte ao 6,73 de Pontevedra, 4,21 de Coruña e 5,56 de Lugo, que co 44,71% de voto, pasa a ser o principal bastión “popular”, 4,12 puntos por riba de Ourense. E podemos ver a suba de concelleiros (133) en relación, tamén, á baixa dos do PSOE (171). Así, en Ourense o PP sobe 19 (PSOE baixa 37); en Pontevedra, PP sobre 49 (PSOE baixa 32); na Coruña, PP sobe 44 (PSOE baixa 58), e en Lugo PP sobe 21 (PSOE baixa 44). 

Na cidade, a suba de votos do PP foi do 2,35 por cento, o que o sitúa xusto por debaixo da cuarta parte dos votantes, 24,95 por cento, o que non lle permite mellorar o peor resultado de Xesús Vázquez, con 7 concelleiros dos 27 da corporación en 2019.

Nas catro vilas de máis de 10.000 habitantes (Carballiño, Verín, O Barco, Barbadás, con cadanseus 17 concelleiros) o PP obtén seis en Barbadás e cinco en cada un dos outros. Dos seguintes seis concellos que están entre os cinco mil e os dez mil (Xinzo, O Pereiro, Allariz, Celanova, San Cibrao das Viñas e Ribadavia) con candanseus 13 concellerios, obtén claras vitorias en tres: San Cibrao, con 11 concelleiros; O Pereiro, con 10, e Ribadavia, con 7; e unha relativa, en Celanova, con 6. Nos outros, Xinzo e Allariz, ten 4 e 3 concelleiros, respectivamente. 

Así pois, parece que nin as tres deputacións gobernadas polo PSOE-BNG, nin a única do PP, influíran en encarreirar voto municipal cara ás formacións que as gobernan. Porque xa o dixo Mariano: “Es el vecino el que elige el alcalde y es el alcalde el que quieren los vecinos que sea el alcalde”. 

Te puede interesar