Opinión

A lancha de Miami e o viño do Ribeiro

Estes días vimos con sorpresa que unha estación meteorolóxica de florida, cansa de vivir mareada, amarrada por tormentas e furacáns no medio daqueles quentes mares -caraíbas pola fala portuguesa ou caribe pola castelá e brasileira- decidira hai un ano, vir, pouco a pouco, onda nós, para coñecer e repousar nas augas frías da céltica carnota. Nada que obxectar a esta chegada, á parte de recoñecerlle un bo gusto, seguro que feito a base de reflexión e aborrecemento nas temporadas de calma e sol esturruxante.
E esta viaxe, de seu, sen propulsión nin temón especial, demóstranos, como tamén o fan as ocasionais botellas que chegan con mensaxes de estudantes ociosos da costa leste dos USA, que a “saída” ou a “chegada” de América a Europa, e perdoen a petulancia lóxica, é, sen dúbida, Galicia. Somos a avanzada do continente europeo cara a América, e non hai que lle facer. E está ben que o xoguemos ese papel. É o noso sino histórico.


Así o sabemos tamén desde que o Pinzón veu dar, alá por febreiro de 1493, a Baiona coa nova de que a pesar de seren tolos e meterense mar adentro sen moita equipaxe nin mapa, sobreviviran. E inda máis, encontraran terra e xente. A verdade é que para chegar a Sevilla hai que lle levar a contraria ese vento que trae directamente a nós aos viaxeiros daquelas terras nas esperanzadas travesías de volta.
Pois ben, nun intersantísimo artigo de hai pouco, a profesora da universidade de Santiago, Ofelia Rey, estuda o contrabando de Galicia con América. E fálanos, por exemplo, de como xa en 1500 un dos compañeiros de Colón, Pedro Alonso Miño, tamén aportara en Baiona, fuxindo do control aduaneiro de Sevilla para pasar sen pagar, perlas de Venezuela. Prendérono. Botoulle a culpa ao tempo, e non o aforcaron. Así foi costume deixarse traer a Galicia para evitar impostos ata que o tema se puxo máis serio, sevillano e organizado, por volta de finais do XVII. Pero entrementres empezou a viaxar o viño do Ribeiro -e castañas e sardiñas, etcétera.- a América de forma regular desde Baiona. Hai datos de envios regulares desde mediados do XVI.


Pero aínda máis, tamén, noutro intersantísimo libro “La caída de Colón: el juicio de Bobadilla”, a investigadora do CSIC Consuelo Varela, nos conta como o desgraciado de Colón –maltratou sen piedade aos 1700 homes e mulleres que emigraron alá canda el na segunda viaxe- acabou deixando morrer contra 1494 un “abade gallego” ao que lle sacara dúas pipas de viño, sen darlle nin pinga a pesar de que este “Murio pidiendo vino de Ribadavia”. As palabras días un tal Juan de Salaya perante o xuíz Francisco de Bobadilla, enviado dos Reis Católicos en 1500 para pór couto aos desmáns de Colón, enchelo de cadeas e mandalo a casa de volta.


O caso é que o viño do Ribeiro é o primeiro testemuñado en América. Canto valería este dato ben publicitado no mercado USA? “Discover the wine of the discoverers. Ribiero, the first wine in América... also for you”.

Te puede interesar