Opinión

Os límites da autodeterminación

AONU proclamou en 1966 o “Pacto internacional de dereitos civís e políticos”, ratificado por España en 1977. O seu artigo 1 di: “Todos os pobos teñen o dereito de libre determinación. En virtude deste dereito establecen libremente a súa condición política e promover así mesmo o seu desenvolvemento económico social e cultural”. A vertente ou proxección externa deste dereito ten que ver coa soberanía, e a interna, coa democracia. O problema para o nivel externo é a definición de “pobo”, cousa que non afecta ao segundo. Ou sexa, o pobo de Ourense non parece razoable que teña soberanía para proclamar a independencia, pero si para escoller o seu alcalde. E as eleccións municipais son unha forma de tomar determinacións en común, ou sexa de autodeterminarnos. 

Porque sempre as persoas estamos tomando decisións, determinacións propias sobre as nosas vidas. Se eu escollo estudar Bacharelato ou FP, ou se decido dedicarme a isto ou a isto outro, estoume, claro, autodeterminando. E se decido que me gusten as mulleres ou os homes ou ambos ou ningún; e se unha muller decide ter un fillo ou non, estamos tomando as nosas decisións, porque entran dentro dos ámbitos da liberdade persoal. Pero como non somos seres únicos senón que vivimos en sociedade, as nosas liberdades cómpre velas na relación coas dos resto das persoas, pois hai decisións que un non pode tomar sen colisión. Por exemplo, eu non podo dicir que me sinto médico e querer exercer a medicina, pero si que me sinto leñador e comprar unha motoserra e cortar unha árbore. Pero non podo decidir que son o suficientemente maduro e formado e acceder á Universidade aos 15 anos. Tampouco podo decidir que son guía turístico e cobrarlle a grupos por ensinarlles a cidade, pero nada me impide mostrarlla a uns colegas que veñen de fóra. As liñas de separación entre as decisións posibles e as non posibles –os límites da miña autodeterminación- ás veces son grosas e evidentes, e ás veces sutís e cuestionables. Lembro, por exemplo, un pequeno incidente na igrexa de San Salvador en Chora, en Estambul, onde primeiro os guías e logo os policías me impediron explicarlles a historia da igrexa aos alumnos nunha excursión fin de curso; alí chocaban os lexítimos intereses dos guías cos meus, e que eu consideraba non menos lexítimos, como docente a cargo dun grupo. Nese caso, como en moitos, opúñanse dúas visións perfectamente defendibles ambas. 

Ben. Hai anos non se contemplaba, para nada, a posibilidade da autodeterminación de xénero. Podía, si, primeiro para as vangardas sociais e logo para todo o mundo, vivir a vida afectivo sexual que a un lle petase; podían atraer os do mesmo sexo, do outro, de ambos ou de ningún. Dous elevado a dous. E ese era o marxe de liberdade asumido. Despois, ampliouse a que se alguén se sentía excepción á regra da adxudicación biolóxica que garante a reprodución da especie, podía promover o cambio de sexo. E así, o caso de Bibi Andersen foi asumido como estraño, pero posible e, obviamente, respectable. E con ela, outros.

Pero debemos ter en conta que o exceso de regulamentacións non nos fai máis libres. Máis ben o contrario. Así, creo que debemos atender ás excepcións con absoluta empatía e máxima flexibilidade, pero sen caer na xeneralización de meter dúbidas nos adolescentes, como se tivesen que escoller ser homes ou mulleres igual que se queren o pelo longo ou curto. O caso da pobre Susana Rodríguez, coruñesa de 21 anos que vén de denunciar ao Sergas por terlle proporcionado hai anos un seu desexado cambio de sexo (de muller a home) do que agora está arrepentida, podería ser non tan excepcional. Non. Sexo -home ou muller- e especie -Homo sapiens sapiens- veñen determinados pola bioloxía, non pola psicoloxía. 

Te puede interesar