Opinión

Un lobishome ourensán do século XIII

Hoxe, para nós, lobishome é o Romansanta. Grazas á actividade da Fundación Vicente Risco, e ás voltas que lle dá ao caso, grazas ás investigacións dos irmáns Castor e Félix, e a outras varias iniciativas, a memoria daquela historia de marxinalidade, sangue, loucura e perdón de mediados do século XIX, está viva entre nós. Así, cunha insistencia na evocación, é como se constrúen e rentabilizan os mitos. Dise que en Barcelona 30.000 persoas viven da memoria de Gaudí. Seguramente. Non parece que a vaca do Romasanta poida dar tanto leite, pero sitúa un personaxe nun tempo e nun lugar e crea interese, especialmente co revival -como se dicía antes- das cousas de lobishomes por mor de determinadas series televisivas. Un atractivo más a sumarlle a Allariz. Novelas, como a de Alfredo Conde ou películas, reconstrucións históricas do xuízo, películas, etc. son exemplo desta vitalidade do mito que dicimos.

En fin, que relendo o tomo I do libro “A vida e fala dos devanceiros”, compilación de textos medievais de Ourense da autoría de Xesús Ferro Couselo -cousa que fago de cando en vez, e cada vez máis, pois cheo das malas noticias televisivas, gústame ler cousas medievais-, topo un texto, o número 25 do libro, datado o 4 de abril de 1279 e asinado en Maceda, moi interesante por varias razóns. Primeiro porque é un papel oficial subscrito polo Concello de Maceda (“Nós, conçello e juiz e alcaydes de Maçeda”, comeza dicindo) no que se lembra un acordo cos “cavaleyros” de Soutelo e de Seoane, subscrito nos tempos “do noso señor El Rey don Affonso, avoo do nosso señor el Rey Don Affonso que agora é...”, ou sexa nos tempos de Afonso VIII para o noso cómputo, IX para o cómputo castelán, monarca fondamente vinculado ás terra aurienses, e pai de Fernando III e avó dese Afonso X que estaba no solpor do seu reinado cando se fai o documento.

E o que vén ao caso é que logo da expresión do acordo entre as partes (“e outorgamos esta composiçon e este canbio e estes términos pera senpre, que foron postos entre nos e eles”) sinala os lugares por onde van os límites do couto (“e os termios sun postos por taes lugares, convén a saber...”) e nesa delimitacion aparece o dato interesante. Inicia a liña “pelos casares do Outeyro e pela Fonte do Lubus Ome...” e logo segue por outros lados: o freixo que está na cima dunha viña, pola cima dun souto onde había un lagar, pola fonte que está na carreyra que vén da Mata, etc. etc. Pero o dato curioso é, claro, esa da Fonte do Lubus Ome. Do Lobishome que escribiriamos hoxe. Ou sexa que moito antes do Romasanta e na súa zona de Maceda-Allariz, antes desa data do século XIII xa houbo algo que fixo nacer unha lenda sobre o tema e, aínda máis, situala nun lugar tan concreto como unha fonte. Animo a quen saiba e coñeza ben a zona, a tratar de localizala.

Seguramente cando o pobre Romasanta era neno escoitou esa lenda, que con este dato que lles presento, sabemos que existía na súa zona no século XIII. Así pois, o moi probable que cando toleu o home, deulle por encarnarse no monstro do que se viña falando desde había séculos e séculos.

Te puede interesar