Opinión

Malta

Escribo estas letras sentado, diante dunha cervexa, nunha terraza en Sliema, co fondo da illa Manoel e o perfil dourado das murallas e o casarío denso da fermosísima Valetta. A cidade cambiou, coma todo, de forma radical desde o ano 1990 en que estivera aquí. Algunha cousa, se cadra, non para ben, porque a personalidade fonda da illa se esvae, como en todos os lugares do planeta, ante a voráxine unificadora de Mango, Zara, Rimax, Ryanair... Outras moitas cousas, evidentemente, para ben. O que era un porto histórico dun Mediterráneo subdesenvolvido é agora un punto de atracción para grandes correntes económicas do mundo, como foi outras veces na súa historia.

Gústame Malta pola súa diversidade, con raíces distantes e distintas: a lingua maltesa, parente do árabe; a lingua inglesa do poder colonial ata 1964; a lingua italiana, omnipresente a pesar de perder a oficialidade nos anos vinte do século vinte e hoxe reforzada polas ondas das televisións e radios italianas -a menos de noventa quilómetros está a costa siciliana- e por miríadas de turistas e residentes desa nacionalidade. Seica ten Malta medio millón de habitantes nun espazo máis pequeno que o concello de Lalín e case a maioría estranxeiros. Entre eles, moitos españois, bastantes galegos e algún que outro ourensán. Precisamente cun deles dei unha volta pola Valetta de noite, coas luces suaves e discretas que iluminan sen agobiar os edificos vellos e novos -sobre todo o espectacular edificio do Parlamento do arquitecto Enzo Piano-. Paseei, digo, cun deses ourensáns, o arquitecto Miguel Pulido, ex-alumno, ex-viaxeiro nalgunha experiencia do IES As Lagoas a Irlanda, se cadra en 2006 ou así, e compañeiro da miña filla. E charlamos. Por exemplo, das vinte e tantas grúas que se ven no horizonte de Sliema e da febre construtiva e especulativa no país. Do diñeiro a esgalla que se move hoxe de fondos europeos, de empresas de “gaming” de xogo electrónico, etc., de dubidosos rusos que invisten para ter pasaporte comunitario... dos donos dos iates enormes ancorados -había un que se chamaba, case provocando, “Plan B”- nas marinas da capital e das tres cidades de enfronte do grande porto. Falamos da xornalista maltesa Daphne Caruana Galizia, morta con coche bomba hai ano e medio por investigar as tramas de corrupción tan frecuentes nas relacións construción e política. Falamos de como empresas inglesas, prevendo o Brexit, están trasladando aquí os seus cuarteis xerais como unha forma de seguir dentro da UE desde un terreo para eles case idílico e ben coñecido. Falamos do seu traballo na construción do Museo Arqueolóxico da Illa de Gozo e de como a aparición de restos dunha canteira romana ralentizan a transforman o proxecto inicial...

E eu, xa cos meus anos enriba, penso na sorte desta xuventude á que acompaño, das facilidades para aprenderen linguas e faceren viaxes... e penso no difícil que é que alguén aprecie algo que ten desde que naceu. Vostede e eu, querido lector, sabemos do complicado que era ir a Vigo, e sabemos da curva de Quins onde os camións grandes tiñan que manobrar, e case non podemos imaxinar que a xente nova non aprecie ben o túnel da Cañiza, pero, loxicamente, non o poden facer. Si. O mundo é outro. Parécese ao que había cando eramos novos en que é redondo e dá voltas. E si, hoxe Malta está fervendo. Un bo lugar, polo menos para ir dar unha volta. 

Te puede interesar